Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Vázquez Pumariño

E onde estaba vostede?

11:00 20/02/2008

Tras a exitosa e necesaria manifestación de Galiza non se vende, pregúntase con rabia o Conselleiro de Medio Ambiente, D. Manuel Vázquez, onde estaban os grupos que a conforman cando gobernaba o PP. A pregunta é moi interesante.

Eu non sei, obviamente, onde estaban cando gobernaba o PP todas as persoas e colectivos que se manifestaron o pasado día 17 en Compostela. Porén, si sei onde estaba eu e, curiosamente, coñezo a moitas das persoas presentes na mani-festa-acción de Galiza non se vende, algunhas de vista, outras estreitamente.

Así que podo dicir con certa seguridade onde estaba eu e algún que outro compañeiro cos gobernos do PP e incluso tamén co goberno de AP e o famoso e alonxado tripartito. Fundamentalmente estabamos onde seguimos a estar. Lembro con especial cariño ter chimpado unha pancarta na fachada do obradoiro no ano 1992 contra os monocultivos forestais, temos protestado contra un campo de fútbol sobre a lagoa de Cospeito nun remoto 1984, temos denunciado a entrada de 4x4 no corazón dos Ancares alá polo ano 1987 por unha pista que finalmente foi restrinxida, reclamamos a protección de dita serra descolgándonos dende a ponte nova sobre o Miño en Lugo, xa antes temos chegado a Londres en autobús para parar os verquidos radioactivos na fosa atlántica, temos traballado para diminuír o impacto da A6... Lembro o traballo para que non eliminaran a Serra de Enciña da Lastra do mapa, hoxe Parque Natural, baixo unha canteira monstruosa, temos detido máquinas abrindo pistas para parques eólicos no Xistral xa no ano 98, temos participado na primeira ILP en defensa dos Montes, na segunda en defensa dos ríos, a carón de Nunca Máis, e recollendo chapapote, na denuncia da industrialización do Cabo Touriñán recentemente.... en miles de actos, tales como mesas redondas, charlas, conferencias dos máis variados temas: conservación de aves silvestres, transxénicos, eucaliptos, canteiras, parques eólicos, piscifactorías, vertidos nos ríos, aforro enerxético, transporte sostible, Ence ...

Tamén temos pateado moito campo e falado con moita xente e temos posto os datos á disposición pública en todos os casos, datos aproveitados, gratis, pola Consellería de Medio Ambiente. Temos posto moitas denuncias.

Por suposto, todo isto, ademais, ten custos como os económicos, pois practicamente todo foi pagado dos nosos petos, e os laborais, pois en todos eses anos de PP , eu, por poñer un exemplo non acadei un mísero contrato na Consellería do ramo a pesar de que vivo da consultoría ambiental, ao contrario que outros que comeron e seguen a comer na manxadoira institucional con notable éxito. Outros perderon incluso o seu traballo por significarse publicamente.

En todos estes anos de gobernos do PP, teño que dicir, non vin nin unha soa vez a D. Manuel Vázquez en acto ningún que tivera que ver co medio ambiente. Por esta razón entendo perfectamente a súa pregunta, ónde estabamos durante os gobernos do PP? Se el tivera estado en algo, seguro que non lle facía falta preguntar pois nos coñecería ben, polo menos de vista.

Pola miña parte, eu tampouco sei onde estaba el pero eso non ten importancia ningunha. O que realmente importa é onde está agora.

Quero adicar estas verbas á memoria dun par de compañeiros que sei onde estiveron eses anos e xa non están con nos: non chegaron a coñecer unha Consellería de M.A. gobernada por un goberno que non fora do PP.

4.54/5 (63 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vázquez Pumariño

Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. »



Anteriores...