Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Encarna Otero

Galiza tamén é territorio

11:20 21/02/2008

As identidades dun pobo son múltiples e complementarias; na súa obra común ao longo dos séculos as xentes actúan sobre do medio físico do que viven e van construíndo colectivamente a súa historia, o seu que facer; así foi e será na Galiza.

Esta nazón milenaria ten o seu territorio humanizado pola pegada e o traballo dos homes e mulleres que nela viviron e viven, desde os cumios a boca ribeira, desde as rías até os cómaros, nos arredor de 32.000 núcleos, algúns xa desertizados e que configuran a variedade de cidades, vilas, aldeas, lugares, e hoxe zonas periurbanas a até concellos dormitorio.

Nun pais como Galiza de apenas 32.000 km e algo menos de 3.000.000 de habitantes, o territorio está fondamente humanizado sendo en si mesmo unha fonte de riqueza e de traballo, de lecer e de cultura; é dicir, de vida, mais que produce un sentimento de amor e propiedade física que partido do ollar se instala no corazón e produce respecto máis tamén desasosego por iso ás súas xentes produciulles tanta dor e rabia o chapapote do “Prestige” vertido no mar ou o lume do monte queimado de xeito cíclico.

¿Por que non produce a mesma dor a ocupación de ladrillos sen límite nas vilas costeiras e nos ensanches das cidades, ou o desleixo e abandono nas leiras e montes, ou os vertidos contaminantes nos ríos, nas rías e no océano?, quizais porque a simbiose entre lugares, usos da terra, explotación da costa e habitantes está hoxe rachada e pola contra a especulación feroz co diñeiro gañado con facilidade invade unha parte de Galiza. Cómpre pois que o territorio de Galiza, ben fráxil, identidade en perigo no seu uso, aproveitamento e goce, sexa abordado desde un pacto social do que sairán despois as normativas e iniciativas públicas e privadas tanto nos gobernos municipais como autonómico e por ende estatais e europeas e que asuman algunhas liñas estratéxicas básicas: recuperar o patrimonio construído, mesmo para segunda residencia de propi@s e visitantes, preservar a riqueza natural e paisaxística, conservar e pór en valor o rico patrimonio existente, recuperar a biodiversidade e a capacidade de producir alimentos sans e de calidade na terra e no mar, xerar emprego e riqueza co aproveitamento e potenciamento dos recurso naturais, mesmo enerxéticos, e sobre de todo ser capaces de transmitir ás xeracións futuras o territorio en mellores condicións de vida e goce do que o recibiron e destruíron as persoas que hoxe en Galiza viven.

*Encarna Otero asina este artigo dende a súa condición de historiadora

4.16/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Encarna Otero é na actualidade a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

Artigos anteriores en Vieiros:

Tempos de labor (15/07/2005)
Vento de esperanza (19/05/2005)
Inmensa tristeza (14/04/2005)
Crónica de Euskadi (11/04/2005)
As contas das mulleres (08/03/2005)
A Europa merecente dun si (30/12/2004)
O riso das mulleres (22/11/2004) »



Anteriores...