Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Encarna Otero

Irlanda con esperanza

09:40 19/06/2008

"Se os dirixentes ven con claridade e é o pobo o que se trabuca hai que mudar o pobo", Bertolt Brecht. Esta cita reflicte moi ben o debate que estes día se está a dar dentro dos órganos políticos da Unión Europea: Comisión, Consello e Estados membros, tras o resultado do referendo do Pobo Irlandés na votación do Tratado de Lisboa; debate moi semellante o que tivo lugar cando os pobos francés e holandés votaron no referendo do Tratado para unha Constitución Europea e tamén se posicionaron polo NON

Irlanda foi o único Estado membro que puido exercer o dereito democrático de votación neste novo tratado aprobado en Lisboa e que debería entrar en vigor no ano 2009; o resto da cidadanía dos Estados membros non poderán ratificalo pois vano facer os seus Parlamentos; cómpre pois facerse unha primeira pregunta ¿por que as decisión ao respecto dos tratados da Unión Europea escapan a libre decisión democrática da súa cidadanía? , ¿será talvez, segunda pregunta, porque as propostas que neste momento saen da Comisión Europea, para o seu debate e votación no Parlamento tales como a semana laboral de 60 a 65 horas, a "retención" durante 18 meses da poboación inmigrante que non dispón de permiso de residencia e de contrato de traballo, entre outras, son contrarias ao sentir dunha parte numerosa da poboación que vive no vello continente?

É evidente que alomenos unha parte da poboación europea aposta máis por un modelo da Europa do benestar, de economía social, de dereitos para homes e mulleres, de soberanía alimenticia e de respecto ao medio ambiente, unha Europa construída desde a paz entre pobos e persoas. Esta mesma cidadanía europea que tivo a oportunidade de votar NON en Irlanda está moi preocupada polas decisións que toma o Banco Central Europea ao respecto do Euríbor que ten consecuencias tan negativas no prezo do diñeiro e que se reflicte na suba das hipotecas, na suba dos prezos dos alimentos; como tamén lle preocupa as reformas fiscais que rebaixan os impostos por patrimonio e soben as cotización polo rendemento do traballo ou as medidas represivas para a poboación traballadora inmigrante con nidias manifestacións de racismo e xenofobia así como o retroceso en dereitos fundamentais para as mulleres na sexualidade e anticoncepción.

Dúas mulleres tiveron na campaña do referendo en Irlanda un protagonismo fundamental na defensa do non, unha ex-deputada do Grupo dos Verdes, Patricia McKenna, e a outra, a portavoz do Sinn Fein, único partido do arco parlamentario que pediu o non, Mary Lou McDonald; a súa forza e a súa mensaxe de esperanza foron capaces de transmitirlle a unha parte do pobo irlandés que outra Europa e posíbel se a xente quixer: a Europa dos pobos e da xente.

*Encarna Otero, historiadora

4.22/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Encarna Otero é na actualidade a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

Artigos anteriores en Vieiros:

Tempos de labor (15/07/2005)
Vento de esperanza (19/05/2005)
Inmensa tristeza (14/04/2005)
Crónica de Euskadi (11/04/2005)
As contas das mulleres (08/03/2005)
A Europa merecente dun si (30/12/2004)
O riso das mulleres (22/11/2004) »



Anteriores...