Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Palestina

20:10 14/01/2009

Se entre os compoñentes da Asociación Galega de Amizade con Israel, a propia asociación como entidade colectiva e mesmo o seu actual Presidente, aquel barulleiro ex militante do BNG, quedase unha partícula, só que fose microscópica, de dignidade, de sentido da xustiza, de humanidade mesmo, de vergonza, hai xa uns días que se terían manifestado tan aberta como contundentemente contra o asasinato vil e masivo de palestinos, de seres humanos, que está perpetrando con tanta saña como impunidade e cinismo un dos estados máis criminais que a historia lembre: Israel.

Pero, nada. Perdamos toda esperanza. Que dignidade pode haber en quen xustifica e defende a colonización, o roubo de terras, o derrubamento de casas, o asasinato indiscriminado, a teocracia vestida de estado de dereito, a destrución de toda posibilidade de vida para un pobo enteiro se esta non raia na escravitude e na subalternidade eterna ao pobo elixido polo dedo brutal dun Deus cruel. Nada de dignidade nin de vergonza. Os membros desa influínte asociación brindan estes días polo éxito da operación israelí e cosen con fíos de sangue nalgún lugar próximo aos seus cerebros o argumento da propaganda: Israel ten dereito a defenderse. Distinguirémolos polas rúas porque o cinismo cómplice será o adobío facial que non os abandonará nunca. Nin sequera será necesario visitalos na súa casa virtual, a Santa Sé da propaganda do crime masivo, con servizos oficiados polas excrecencias ideolóxicas de malos escritores, coma tal un Vázquez-Rial ou un Gabriel Albiac calquera. ¿Sería aplicable a Lei de Partidos a aqueles que non condenan o asasinato masivo ou que abertamente o apoian, o xustifican e o alentan? É unha dúbida que me corroe e cuxa resposta ben podería definir o carácter democrático, ou non, do réxime español.

Todo isto sería unha desagradable anécdota se non fose máis ca unha pinga irrelevante no noxento océano en que se emporca o mundo todos estes días esa complicidade cínica e propagandística ofrecida coa fachenda de quen se recoñece poderoso e crea realidades paralelas alterando os termos de calquera ecuación. Desde 1946. Porque se a gran xustificación do crime masivo consiste en culpar das mortes de máis de medio milleiro de seres humanos (polo de agora) á ruptura dunha tregua hai coma quen di dous días, tiremos da frecha do tempo e vaiamos ó principio desta historia se queremos ser xustos. 1946. Porque as mortes masivas de civís nunca poden ser xustificables. Ou si?

Pero, quen quere ser xusto? A xustiza neste Holocausto é xa o menos importante comparada coa necesidade de sobrevivir. Porque se houber xustiza será terrible se ten que facer pagar tantísimos anos de aplicación da Solución Final planificada. E para qué a xustiza, se total non hai lugar ó que ila esixir nin organismo lexitimado para ofrecela. Os dirixentes do mundo, coa ignominia, a indignidade e a complicidade por única bandeira, calan, miran para outro lado, falan con rubor nas fazulas, coa boca pequeniña, en murmurios covardes. Só ouvean cando os negocios corren algún risco (perigo, nunca). Iso é, irmán, Europa. Os que onte ordenaban o asasinato masivo e indiscriminado de iugoslavos e iraquís hoxe son homes de paz profundamente preocupados por un entendemento que conxele o conflito. É dicir, que manteña a ocupación, a colonización, a deshumanización, a miseria, o roubo, o asasinato legal. Javier Solana, ese individuo que incomprensiblemente aínda non foi xulgado por crimes contra a humanidade (Iugoslavia, u é?), convida á reflexión despois do bombardeo israelí dunha Escola da ONU na que morreron, non sei, un puñado de cativos. Palestinos, iso si. Vidas sen valor. Tony Blair (dá noxo escribir ou pronunciar o seu nome), que carrexa nas súas costas infinidade de mortos inocentes, anda agochándose por hoteis de luxo agardando que pase a treboada. Esa ridícula Vicepresidenta española, Fernández de la Vega, amolécenos o corazón ó desexar con piedade que cese toda caste de violencia en Gaza. O equilibrio que todo bo político socialdemócrata sabe administrar intelixente e adecuadamente. Os outros, os implacables, os cínicos, saben ben diferenciar entre o dereito á lexítima defensa dun sufrido Israel e o instinto criminal dun pobo palestino, claramente inferior, incapaz de comprender que o seu destino é ofrecerse en Holocausto ó Pobo Elixido.

Pouco lugar queda para a razón. Apenas unha pequena fenda de carraxe contra a impunidade do asasinato colectivo, da eliminación planificada de todo un pobo, da execución sen xuízo (ou con el, que máis ten) dun mínimo sentido común democrático e de pertenza ó xénero humano. O Estado de Israel, ademais de ocupador, é criminal, asasino masivo, xenocida. E tanto ten que se vista coas túnicas sangradas dun Estado de Dereito elevado polo pensamento blandiblú ó cumio de toda aspiración social humana. Tanto ten. Nada mudará a súa esencia criminal. Nada. Nin todos os Henry-Lévy, Glucksmann, Albiac ou o demo que os fundou mudará nada. Israel será por sempre, para todos os humanos de ben, a representación mesma da impunidade asasina, do odio, do terror, do poder fachendoso e cínico, da destrución, da infamia. E ese será o seu peor estigma.

A baixeza moral dos propagandistas, a escaseza de argumentos de Israel e os seus asalariados, o discurso dos cómplices virá a acusarnos de antisemitismo como fai sistematicamente contra toda opinión que poña en dúbida a súa doxa divina. A súa única coartada, tan inmoral como desprezable, é o Holocausto nazi. Pero o martirio de tantos seres humanos non debera ser manexado con tanta impudicia por aqueles que con toda a saña lles aplican ós palestinos, día a día, desde 1946, un completo programa de extinción masiva. Non. Os que estamos contra este crime non somos antisemitas. Simplemente, aborrecemos a esencia criminal do Estado de Israel con igual forza coa que aborrecemos o fascismo nazi. E a todos os seus cómplices.

Co eco das bombas, dos disparos, das escavadoras, dos lamentos de nenos, de mulleres e homes sen terra, escravos, sen oliveiras, sen auga e sen dereitos, sen futuro; co cheiro a cadáver torrado por armamento occidental sofisticado e preciso; co pensamento a carón dos que están, en palabras do Subcomandante Marcos, abaixo á esquerda, non hai lugar para a neutralidade nin para o equilibrio. Neste tempo de inverno negro que precedeu outro inverno interminable igual de negro e de feroz, só sobrevive á vergonza, á complicidade, á indignidade, a esperanza, feble pero firme, de que Palestina vencerá. O desexo de que Palestina viva. E venza. E viva.

A galopar!

4.4/5 (58 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...