Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


13:00 26/10/2007

Abolir ou regular?

O Código Penal cualifica como delito a prostitución forzosa inducida a outras persoas, adultas ou menores de idade. Pero as persoas que exercen a prostitución atópanse nunha situación de alegalidade e irregularidade laboral. Dende as propostas de legalización, para convertela nun traballo en que as condicións estean regradas, até a abolición total, o debate social está aberto.

Comentarios (10)

xacataca #1 26/Outubro/2007 xacataca

Cando unha persoa ten que vender o seu corpo para sobrevivir, é que algo mau mau está a suceder na sociedade.

Cando unha persoa vende o seu corpo para vivir mellor (con máis cartos), algo mau está a suceder na sociedade e na cabeza DESA persoa.

LuaNeghra #2 26/Outubro/2007 LuaNeghra

Unha cousa está clara: ambas as dúas posturas concordan en que o tráfico de seres humanos, a violencia e a escravitude teñen que ser penalizadas. Máis ca tentarmos estabelecer unha dicotomía e esa imaxe de "escisión" entre os feminismos, cómpre apostar polo diálogo, como se fixo a semana pasada en Pontevedra, e abrir o debate a todo tipo de ideas e experiencias.

Outra cousa que é evidente é que ningún tema pode ser debatido sen contarmos coas persoas directamente implicadas, e a este respecto, xa abonda de actitudes paternalistas ou extremadamente indiferentes: non se pode debater sen contar coas persoas que exercen a prostitución.

capa #3 26/Outubro/2007 capa

Claro que hai que escoitar as prostitutas. E se lles debe axudar en todo o posible mesmo regulando. Pero creo que a solución a longo prazo pasa pola abolición. Non creo que o mercado laboral poida aceptar a venda do corpo como un traballo equiparable a calquer outro. É compricado...

BonKarallan #4 26/Outubro/2007 BonKarallan

Por certo, pódese fumar no posto de traballo?

Xa se sabe que logo dun bo polviño apetece un bo "pitiño". Pero a nova normativa do traballo o prohibe. Tanto á traballadora como ao cliente.

Iso si que é o importante e non o demais. "¡Qué profesionais!","O concepto é o conceto" "As probas me repito"...(Manquiña. Airbag)

COUTOVEN #5 27/Outubro/2007 COUTOVEN

Non se se sinalalo en termos de abolir ou regular? Sexa o máis adecuado ou realista.

Alguén pode crer que abolir a prostitución sexa posible se persisten as causas que a xeran? Ou simplemente. Que podemos facer se para algunhas persoas é considerado un medio valido de gañarse a vida e existe un mercado que demanda este tipo de servizo.

Eu creo que os que falan de abolición esquécense que a prostitución é por algo coñecida como o oficio máis vello do mundo e posiblemente o máis sometido a procesos de “abolición” que por ineficientes e pouco realistas terminan nunha sorte de situacións onde unha tolerancia hipócrita permite a creación de mafias que son as que terminan manexando este asunto, xa que o estado prefire mirar para outro lado e non tomar posición en ningún sentido “para non quedar mal con ninguén”

Esta tolerancia debidamente ben paga, acepta a explotación destas persoas como un mal necesario, que todo o mundo sabe que existe, moitos usan e algúns gritan ao ceo cando se fala diso.

A miña opinión é que ten que ser regulada en todos os aspectos. Tanto laboral, tributario como sanitario. Por suposto, hai que fomentar alternativas para quen decidan deixar esta actividade nalgún momento, poidan ter a oportunidade de acceder un traballo que lles permita subsistir. E non digo “digno” xa que algunhas das persoas que exercen esta forma de actividade poden estar de acordo con practicala e non son vítimas de coacción por parte de terceiros.

O importante é que esta situación sexa tratada e avaliada sen falsos e hipócritas moralismos. E velo como unha realidade humana que como tal, ten que estar sometida a normas e regulamentos específicos e adecuados.

Grovius #6 27/Outubro/2007 Grovius

Os moralismos non teñen por que ser falsos nin hipócritas. Resulta sintomático que na icuna do propio Vieiros (a da muller co bolso vermello e co verde) sexa unha muller, e a cousa non se resolve cun simple "bueno, lo prohibimos o le aplicamos IVA?". Como xa se apuntou aquí, algo anda podre cando existe un mercado importante de maioritariamente señores moi machotes que "se lo pasan pipa" con mulleres en termos en absoluto humanos.

alberte #7 29/Outubro/2007 alberte

existe algo máis humano que o mutuo acordo?
permitídeme que me posicione en contra de toda manipulación da vontade humana, e de todo o que implique obrar en contra do propio desexo. Pero permitídeme que me posicione tamén, a favor da liberdade de cada persoa que gañar o seu sustento da forma que considere oportuna. Se ben é certo, que a maioría das persoas, homes ou mulleres, que exercen a prostitución, fano por cuestións diversas e alleas á súa propia vontade, é igualmente certo que existe unha tamén respectable cantidade de persoas que o fan como escolla voluntaria e libre.
Por outra banda, acaso a abolición, como norma allea á realidade, vai impedir que exista a prostitución? O que se debe abolir, non é a prostitución, como actividade económica, senón o que si é efectivamente un delito, a manipulación das vontades. Polo tanto, podemos mirar para outro lado, limpando as nosas conciencias na abolición, ou podemos darlle un tratamento xusto ás persoas que exercer a prostitución, facendo que teñan dereito aos recursos públicos, en igualdade de condicións, co resto de traballadoras e traballadores do noso país. Previndo, en moitos casos, a dependencia de chulos, a propagación de enfermidades de transmisión sexual e a marxinación que produce formar parte dun colectivo moralmente reprobado.

galicecos #8 12/Xaneiro/2008 galicecos

É un "servizo" agochado-consentido por tódolos paises, sexa o sistema de goberno que sexa. Vemos decote como algún país úsao para promocionar o turismo (esa crase de turismo) e canto máis xoves, máis desexadas. Non atoparemos un goberno que ouse facer unha lei para a legalizazón disos traballador@s do sexo.

olaia #9 26/Febreiro/2008 olaia

Por suposto que hai que abolila. Non me cabe ningunha dúbida. O que non entendo é, como nun foro visitado supostamente por moitos "progres" inda se poida andar con discursos do tipo de : "cada un co seu corpo pode facer o que queira". Neste caso, estamos a falar de mafias, estamos a falar de que existe a prostitución porque existen homes "moi decentes" que seguen a sentir pracer "comprando" os servicios dunha muller. Iso é sometemento, e o demais son tonterías.

Por certo, algunha vez oín que o oficio máis vello do mundo é o de carpinteiro...
...entre outras cousas porque a prostitución non é ningún oficio.

Xeonllo #10 26/Febreiro/2008 Xeonllo

Os oficios máis antigos do mundo son a caza e a pesca. Non se trata repetirmos como loros frases feitas como esa de que "a prostitución é o oficio máis antigo do mundo".

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: