Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE A INDIA

Welcome to Tiruchy, 3

"Unha cousa é o costume e outra a insensibilidade. Eu creo que o costume fai que moitas cousas non me chamen a atención. E a sensibilidade que se me siga partindo o corazón e enrabechando a alma enteira". Terceira entrega da crónica da nosa colaboradora María Reimóndez desde a India, onde traballa nun proxecto de cooperación a través da ONGD Implicadas no Desenvolvemento. Poden ver aquí e aquí os dous envíos anteriores.

- 12:10 30/07/2004
Tags:

Venda a domicilio
A próxima vez que chamen á porta para venderlles algo, teñan coidado, poden ser Francis e o seu irmán Chandrashekar. Ben, agora xa non porque os dous están en Kajapettai nunha escola de rehabilitación de nenas e nenos traballadores. Teñen dez e doce anos. Cada mañá ían a xunto do seu xefe e este obrigábaos a poñer unha camisa nova –no suburbio o de vestir non é unha cuestión de estilo- e dáballes os canecos de plástico, caldeiros e demais para vender. Pola noite tiñan que darlle os cartos e mais a camisa. Xa se sabe, a imaxe corporativa é moi importante.
En realidade, non esperen á próxima vez, a nós chámannos á porta tódolos días moitos Francis e Chandrashekars a través da roupa de deportes, os xoguetes, o café, o te, os mangos. Ata cando imos seguir abrindo a porta?

Guerra familiar
Se sigo así creo que vou provocar unha guerra familiar. E iso que eu non fago nada. Pero Menimekalai ten a batería completa, só que lle falta poñela en práctica. Ela é unha feminista máis atrapada. Atrapada entre a consciencia, o traballo na Universidade, e o fogar onde ve a súa filla xogar cos instrumentos do patriarcado (as bonecas e a cociña) e reñerlle ao pai porque colle a vasoira (algunha vez). O seu nivel de frustración estalle provocando unha úlcera. Onte recibiu unha chamada dunha compañeira dicíndolle que todo o departamento pensaba que era unha mala mai. E o seu home, Ambal, ten certa consciencia pero non o valor de levala á práctica, por iso el sae os sábados cos amigos e a ela lle pide que deixe a secretaría do Comité Nacional de Ciencia para ocuparse da filla.

Pero agora Manimekalai ten alguén con quen falar. E con quen preguntarse por que as cousas son así e cre que non pode cambialas. Eu míroa e dígolle que si, pero sei o custo.
Vemos as películas na tele e comentamos os estúpidos papeis das mulleres, que agardan ser rescatadas (ningunha diferencia con Hollywood), sempre pasivas e co único obxectivo de casar e sacrificarse. A tensión vai aumentando. Agardaremos o climax.

Tiritas para un corazón partío?
Unha cousa é o costume e outra a insensibilidade. Eu creo que o costume fai que moitas cousas non me chamen a atención. E a sensibilidade que se me siga partindo o corazón e enrabechando a alma enteira.

Onte coñecín a Vahnu, que ten oito anos. Coñecina a ela e á súa mai e súa irmá. Vahnu sabe ler os labios e é lista coma un allo. A mai deulle con orgullo a pizarra para que escribise e fixese debuxos. E Vahnu sorrindo con orgullo tamén.
Vahnu debuxa e a súa mai cóntanos os horrores da súa saúde. A súa xordeira, a terapia con logopeda gracias á cal é capaz de dicir algunha palabra, como tiveron que deixala porque eran 250 rupias ao mes e non teñen cartos, a malformación que ten no pescozo, as operacións que debería pasar despois da primeira que lle abriu a larinxe, bloqueada parcialmente polo padal. Alédome de que Vahnu non poida oír nese momento.

A nai de Vahnu, que a toca en todo momento, en comunicación permanente con ela, sabe por qué ten unha filla nesas condicións. Chámanse anticonceptivos inxectables. Dubido moito que as mulleres en Galicia oísen falar deles. Son un método anticonceptivo con numerosos efectos secundarios e baixa protección que se usa nos países en vías de desenvolvemento e segundo un estudio que estou lendo, nas poboacións negras e indíxenas dos países desenvolvidos. O estudio sobre o Depo Provera (o máis famoso destes preparados) realizado por unha doutora india comeza dicindo que parece que por estar aprobado finalmente pola FDA (a autoridade estadounidense para alimentos e medicametos) e iso con dubidosos estudios, xa se pode dar como un anticonceptivo seguro. Tan seguro que aí está Vahnu para demostralo.

Cando saio da casa de Vahnu, preguntándome qué será dela se sobrevive ás operacións, coa esperanza da calor da súa familia e coa cabeza matinando na mellor maneira de darlle un apoio para que poida ter unha educación e valerse por si mesma, levo o corazón na man en pedazos. Pero sei que non necesito tiritas, senón xustiza. Xustiza é non tratar a seres humanos coma cobaias. Como se a súa vida non valese igual cá nosa.


0/5 (0 votos)