Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS 2005

Fraga confirma que será o candidato do PP nas próximas eleccións autonómicas

"En principio prepárense para aturarme cando menos deica a próxima lexislatura", declarou este luns o presidente da Xunta ao tempo que anunciaba a súa idea de presentarse o próximo ano á reelección. A pasada fin de semana, Rajoy afirmara a vontade de Manuel Fraga de repetir candidatura por quinta vez, malia que nos micrófonos da Ser, Xesús Palmou deixaba aínda no terreo da "incógnita" tal posibilidade e anunciaba o desenlace para a volta do verán.

- 11:47 30/08/2004
Tags:

En rolda de prensa logo de xuntanza cos conselleiros de Educación dos gobernos "populares", Fraga non só confirmou candidatura senón que expresou a súa vontade de completar lexislatura no caso de gañar cualificando de "calumniosas" as voces que apuntan unha retirada poselectoral en favor dun "tapado".

Entre o cisma e o fracaso semellaban moverse os agoiros de Manuel Fraga sobre o futuro do seu partido en Galiza ao tempo que subliñaba a súa intención de optar a un novo mandato á fronte do executivo galego.

Así, dunha banda vendeuse coma candidato "en plena forma para que o partido non se divida" e doutra quixo lembrar ao chanceler alemán Konrad Adenauer, quen se retirou aos 87 anos "un ano máis tarde aínda do que remata o meu mandato" e que tivo coma sucesor a Ludwig Erhard "quen fracasou e deu paso ao pouco tempo a un goberno doutro signo".

Fraga gabou tamén os "anuncios moi importantes dende lugares decisivos" en favor da súa candidatura, en referencia ás recentes declaracións de Rajoy ou dos seus posíbeis sucesores, Alberto Núñez Feijoó e Xosé Manuel Barreiro e quixo descartar ademais que as próximas eleccións autonómicas vaian ser adiantadas.


0/5 (0 votos)