Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON PAULO GONZÁLEZ MARIÑAS

"Un novo Estatuto para esquecer a subsidiación, para confiar en nós mesmos"

Poucas horas despois de presentar en público as Bases para un Novo Estatuto para Galiza, un dos seus principais relatores, Paulo González Mariñas, móstrase optimista e satisfeito do traballo realizado. Porén advirte: "estamos nun momento crucial, no que Galiza, se cre en si mesma, pode chegar a ser algo e, se non, pode esluirse na indefinición". Nesta entrevista, González Mariñas defende que as Bases establecen "os conceptos e as ferramentas para unha acción decidida e propia, para esquecer a subsidiación, para confiar en nós mesmos, para ter Galiza poder de seu, en forma de competencias e autoestima colectiva".

- 12:11 01/03/2005
Tags:

Na presentación das Bases do Novo Estatuto vostede insistiu en que no texto establécese Galiza "como medida de todas cousas". Como se plasma no documento esta frase?
Esa frase "Galiza como medida de todas as cousas", que utilicei na presentación das Bases, é obviamente unha paráfrase intenzoada de Protágoras que, como é ben sabido, afirmaba que o home é a medida de todas as cousas. Resulta claro que o que quixen dicir, aínda que fose desta forma tan conceptual e enfática, que o documento que elaboramos é ante todo unha postura persoal, de visión e compromiso: Galiza é o que se nos aparece a cada un de nós; dalgún xeito o que queremos que sexa. E aquí concordabamos todos. A Protágoras se lle acusou de que iso implicaba certa confusión entre o ser e a nada. A nós coido que non será para tanto, mais é unha forma de salientar que estamos nun momento crucial, no que Galiza, se cre en si mesma, pode chegar a ser algo e, se non, pode esluirse na indefinición.

Cal é a súa opinión sobre o proceso participativo de elaboración do documento? Foi complicado chegar a un texto consensuado e coherente?
Non, non foi dificil. Ao meu parecer existe larvado na conciencia de moitos galegos pensantes un acerbo de concidencia moi importante na diagnose e nas solucións aos grandes problemas que temos formulados como país. Por iso, cando te pos a falar e a debater sobre eles, sorprendeche que espontáneamente xurda o acordo: sobre a lingua, sobre as institucións básicas, sobre a organización territorial ou a sanidade, sobre o finanzamento… Volvendo aos clásicos, diría que é como unha operación maieutica: fas un par de incisos oportunos e brota sen máis un nivel de consenso impresionante nos grandes temas. Cousa distinta é o dos aspeitos sectoriais; aí si que hai matices e posicionamentos diversos que, en calquera caso, foi dabondo sinxelo amañar co diálogo. O clima do Foro foi e é extraordinariamente constructivo e xeneroso.

Cales son, na súa opinión, as tres das propostas máis salientabeis do documento?
Coido que están na mente de todos: a definición do país como nación coa dose de consistente institucionalización do seu poder nos tres ámbitos, lexislativo, executivo e xudicial; a súa construción cohesionada e solidaria nas tres facetas social, territorial e económica; e a aposta que supón a autonomía financeira e a responsabilidade fiscal plena.

Algunhas das propostas das Bases implicarían unha reforma da Constitución e do Tratado europeo? En que sentido o documento define unha "vía galega" para a reformulación do estado?
Sen dúbida hai que inserir este documento nun proceso global de reforma, que atinxe aos Estatutos mais tamén á Constitución. Se a vixente Constitución non se retoca nalgún punto sería case imposíbel calquera intento de reforma estatutaria, agás o limitado a conseguir algunha nova competencia, que tamén se podería lograr pola vía do artigo 150 da CE. Estamos nun proceso de reforma global, para adaptar o noso modelo de Estado a un marco de Estado plurinacional dentro dunha Unión Europea cada día máis forte e con máis competencias. Probabelmente o noso documento supoña unha novedosa "vía galega". En calquera caso, "nosa"; eu non creo que estas cousas se poidan "exportar". Creo que era De Maistre o que dicía que unha Constitución que servise para calquer país, non serviría en realidade para ningún deles.

No caso de que este Novo Estatuto fose aprobado, en que medida e en que ámbitos melloraría a calidade de vida dos galegos? Cales son as principais consecuenciais que tería, segundo vostede, para os cidadáns?
Galiza melloraría sensibelmente. Un Estatuto non é un "bálsamo de Fierabrás", non cura de súpeto todos os tollementos. Pero si establece un marco de acción e proporciona os conceptos e as ferramentas para unha acción decidida e propia, para esquecer a subsidiación, para confiar en nós mesmos, para ter Galiza poder de seu, en forma de competencias e autoestima colectiva. E iso é moito. Teríamos unha Administración máis eficaz e eficiente, unha economía máis acaída ás nosas peculiaridades e necesidades, unha organización territorial non dispendiosa nin clientelar politicamente, un coidado sensible do noso, dos nosos valores e potencialidades, e unha posta en valor dos mesmos tamén económica e non meramente simbólica. E un país máis harmónico, coherente, cohesionado e solidario. E con forza ante o Estado Central e ante a Unión Europea. Teríamos os alicerces e os instrumentos precisos para o noso desenvolvemento e a nosa afirmación cultural e política. Logo habería que traballar arreo, porque a ninguén se lle regala nada nesta feira de voracidades que é o mundo globalizado actual.

Cre que o documento do Novo Estatuto permite comezar un diálogo coas demais forzas políticas galegas ou parte de presupostos inaceptábeis para o PP e o PSdeG?
Creo que o permite e desexo que así sexa. Non partimos de presupostos rupturistas ou inaceptabeis. Abonda con ler xa no seu preámbulo a declaración de que decidimos nos integrar no Estado plurinacional español. Non hai "excesos soberanístas", por usar esta torpe terminoloxía, senón a plasmación dunha formula de integración construtiva e imprescindíbel para que Galiza non quede unha vez máis a marxe do progreso e da España que circula con AVE e crecementos económicos xeométricos. Non queremos romper nada, senón compoñelo mellor e máis solidariamente, en España e en Europa. Este non é un Estatuto "de máximos", senón do xusto e necesario.

A pesar de que o proceso de elaboración das Bases está rematado, teñen pensado continuar co debate?
Será unha decisión do Grupo que eu non podo anticipar. Desde o meu punto de vista persoal creo que sería magnífico seguir debatendo grandes temas, non somente o específico da reforma estatutaria, que a partires de agora xa manexarán os partidos políticos, senón todos os que configuran un horizonte galego, político, social e económico, realmente decisivo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)