Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PRIMEIRA INTERVENCIÓN DO LÍDER DO BNG NO PARLAMENTO

Quintana anuncia unha proposta para "regular" as atribucións dos gobernos en funcións

"Debemos regular por lei o que debera regular a ética", anunciou Anxo Quintana este venres logo da súa estrea coma deputado e na que é a súa primeira intervención no Parlamento galego. Quintana iniciou o seu discurso criticando duramente a Manuel Fraga ao que lle dixo que "a cidadanía non lle perdoou o oportunismo e as manipulacións". Segundo Quintana cada vez que o goberno saínte anunciaba unha nova iniciativa nas últimas semanas "milleiros de persoas preguntábanse porque lle outorgaron a súa confianza durante tanto tempo a quen lles está faltando ao respecto". Emisión en directo da sesión a través da web do Parlamento.

- 12:26 29/07/2005
Tags:

"Os vantaxistas sempre acaban pagando as trampas", subliñou Anxo Quintana en referencia directa a Manuel Fraga, reprochándolle ter adiantado as eleccións "coas cartas marcadas para manterse no poder a calquera prezo e tratar de excluír o nacionalismo da escena política galega". Quintana afirmou que pola contra "gañoulle a realidade plural dun país libre, que votou cambio e aprol dun goberno de verdade" e pola "rexeneración democrática". O voceiro nacional do BNG criticou especialmente a actividade do goberno en funcións as últimas semanas que identificou de todos os xeitos coa "actitude amosada os catro anos anteriores".

Ao tempo que subliñou que os deputados do BNG votarán esta tarde a prol da presidencia da Xunta para Emilio Pérez Touriño, destacou o "contrato programático claro" de PSdeG e BNG, fronte aos "contratos escuros" dos gobernos de Manuel Fraga os últimos 16 anos e anunciou un "novo alento de pluralismo, transparencia e revitalización, tamén deste Parlamento, tan rebaixado os últimos anos". "Hai que mudar un goberno hipertrofiado e rematar co desbalde e o clientelismo destes anos", avisou, "o 19 de xuño perdeu a mentira e a manipulación".


Ligazóns

0/5 (0 votos)