Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COA COMPARECENCIA DO PRESIDENTE DA XUNTA

Plan Galiza, incendios, sanidade e altos cargos no primeiro pleno da lexislatura do cambio

"Nestes catro anos que comezan aspiro a que o Parlamento entre no cuarto de estar das familias galegas", afirmou en entrevista radiofónica durante a fin de semana a presidenta da institución, Dolores Villarino. Ademais de amosar o seu optimismo cara a unha lexislatura de "cambio e modernización" gabou a vontade amosada polo propio executivo de facer do Parlamento o "centro da vida política" en Galiza. Contámoslles tamén que o PP insistirá na necesidade de constituír outra vez a comisión non permanente creada para o seguemento e avaliación do Plan Galiza. Lembrámoslles que desde o seu inicio ás 10h a sesión pode seguirse en directo a través de internet.

- 08:41 13/09/2005
Tags:

Neste primeiro pleno comparecerá, a petición propia, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para dar conta dos acordos da Conferencia de Presidentes. Na axenda tamén destacan as intervencións previstas do conselleiro de Economía, para informar da situación das contas do executivo, e do conselleiro de Medio Rural, para falar sobre os incendios.

"É unha realidade que en 16 anos o Executivo ocupou todo o espazo político, o que non é bó para a democracia, é como dicirlle aos cidadáns que voten unha vez cada catro anos, e despóis non pasa nada ata as eleccións", laiouse Dolores Villarino diante dos micrófonos da RNE, "hai gobernos que toman decisións e parlamentos que debaten cousas tódolos día que importan e afectan aos cidadáns, que teñen que esixirlles aos deputados que fagamos as cousas ben".

Villarino explicou que nese sentido, o Parlamento de Galiza "é un gran descoñecido para a cidadanía" e subliñou que "unha das metas e obxectivos aos que aspiro en catro anos é que o Parlamento entre no cuarto de estar das familias". Engadiu que "non só depende de mín, tamén da actualidade, viveza e importancia que dean os grupos parlamentarios aos debates e asuntos que se traten no Parlamento". Comentou ademais que estes próximos catro anos "van ser moi diferentes porque ten mudado a composición do Parlamento de Galicia, e os grupos deben de aprender cadanseu o novo papel, o PP o de oposición e os demáis de ser grupos de apoio ao goberno".

Altos cargos, concertos e Plan Galiza, na axenda do primeiro pleno
Ao tempo, o presidente da Xunta aproveita a súa recente asistencia á Conferencia de Presidentes, co financiamento da Sanidade coma tema estrela, para solicitar a súa primeira comparecencia no pleno parlamentario desta sétima lexislatura. Ao fío, os socialistas destacaron especialmente esta iniciativa de intervención, defendendo que é mostra do cambio de actitude no executivo logo do período liderado por Manuel Fraga.

Touriño deberá responder ademais ás preguntas que lle farán os voceiros dos grupos parlamentarios. Así, desde o PPdeG anunciaron que Manuel Fraga preguntará sobre "o posíbel cambio do actual modelo territorial de Galicia, distribuído en provincias, comarcas e concellos". Mentres, o voceiro do BNG, Carlos Aymerich preguntaralle polas previsións do executivo "para a presentación dun proxecto de lei regulador da actuación do goberno en funcións", proposta subliñada por nacionalistas e socialistas logo dos denunciados excesos investidores do goberno saínte de Manuel Fraga. Ademais, desde o propio grupo do PSdeG, Ismael Rego preguntará sobre sobre "as medidas que vai adoptar o goberno galego para promover as capacidades de innovación nas universidades e centros de investigación de Galiza".

Á beira, o PPdeG anunciou unha interpelación sobre a ratificación do plan de dinamización económica e Plan Galiza, e en concreto sobre as actuacións en materia de estradas, e varias preguntas orais ao pleno: unha "sobre as razóns e criterios para o recurte dos concertos cos centros educativos privados para o ensino obrigatorio" e outra sobre "o compromiso electoral do vicepresidente da Xunta de Galiza de suprimir un milleiro de altos cargos e postos de confianza na administración autonómica".

O interese dos populares nesta sesión pasa fundamentalmente pola recuperación da comisión de seguemento do Plan Galiza, que o PPdeG lembra que foi creada na pasada lexislatura "a instancias do PSOE e co apoio unánime da Cámara". O PP asegura que a creación desta comisión "é vital para defender os intereses de Galiza ante o inminente desenvolvemento do PEIT así como para seguir a execución dos compromisos recollidos no Plan Galiza". O vicevoceiro popular Roberto Castro será o encargado de defender a proposta non de lei para unha comisión que na opinión do seu grupo debe garantir que se cumpre cun plan "dotado con máis de 14 mil millóns" do que aseguran que "a súa vixencia está fóra de toda dúbida, tanto nas actuacións comprometidas coma no prazo de execución dos proxectos".

Por outro lado, os socialistas preguntarán no pleno polas medidas que adoptará o goberno para "resolver os conflitos existentes na actualidade e os que puidesen xurdir no futuro nos procesos eleitorais das confrarías de pescadores" e os nacionalistas interesaranse polo que se fará en relación "coa multa por sobreprodución leiteira anunciada polo ministerio de Agricultura".

A sesión servirá ademais para que logo da decisión dos deputados nacionalistas Ánxela Bugallo, Fernando Blanco e Carme Adán, de adicárense exclusivamente ás súas novas responsabilidades no executivo, entren na súa substitución coma novos deputados Pablo González Mariñas, Manuel Parga Núñez e Modesta Riobó Dios.


Ligazóns

0/5 (0 votos)