Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CPXG LEMBRA A NECESIDADE DE POÑER EN MARCHA UNHA SEGUNDA CANLE DA TVG

O PSdeG di "esperar" que RTVE aumente a operatividade dos centros galegos

O PSdeG respostou ao plan de saneamento de RTVE, polo que o ente público decidiu centralizar as emisións en Madrid, cunha proposición non de lei de Luis Toxo. A iniciativa dos socialistas galegos "insta á Xunta a que pida ao Goberno central que o plan se aproveite para aumentar as desconexións e as producións en galego". O Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG) remarca a contradicción entre o compromiso anunciado por Zapatero e as intencións de RTVE e da SEPI. Se o plan se leva ao cabo, din, certificaríase o desmantelamento en Galiza dos medios de comunicación públicos de titularidade estatal e a perda do 60% dos postos de traballo.

- 19:18 09/03/2006
Tags:

"Cremos necesario que o plan de saneamento e futuro de RTVE non só non debe significar un recurte na capacidade operativa e no cadro persoal dos distintos centros de traballo en Galicia. Pola contra, o PSdeG-PSOE cre que se debe tomar o momento como unha oportunidade para incrementar as desconexións e as producións para emitir en galego, e para aumentar o número de programas e documentais feitos en Galicia por estes medios".

Fronte a esta declaración de intencións do PSdeG, rexistrada no Parlamento, o CPXG lembra que o compromiso anunciado por Zapatero falaba dunha "obriga de servizo público manter unha estructura territorial que dea resposta ás necesidades informativas nacionais, autonómicas e locais". Se a actual dirección de RTVE e da SEPI levan adiante a proposta de centralizar as emisións en Madrid, segundo o Colexio, "iso significaría a desaparación das desconexións de TVE en Galiza e por tanto a supresión dos programas e informativos que se veñen realizando diariamente na cadea pública estatal na nosa comunidade. Para RNE significaría prácticamente a desaparición das emisoras provinciais, deixando unha única emisora en Galicia con funcións de simple delegación".

Se o compromiso do Goberno central non se cumprise, o CPXG considera "imprescindíbel" que desde o Goberno galego se impulse a posta en marcha da segunda canle da TVG "para evitar que a función de servizo público que deben cumprir os medios de comunicación de titularidade pública non se vexa mermada para os cidadáns galegos".

Pola súa banda, o Sindicato de Xornalistas Galegos (SXG) rexeita tamén a disminución da programación territorial e local de RTVE en Galicia e defende o mantemento de todos os postos de traballo do ente público en Galiza.


0/5 (0 votos)