Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESBÓTANSE O SUICIDIO E O ASASINATO

Milóxevich morreu dunha parada cardíaca

O informe preliminar da autopsia que lle foi practicada ao ex-presidnete iugoslavo Slóbodan Milóxevich sinala que a causa da súa morte foi unha parada cardíaca. Esvaen así os ruxerruxes sobre un posíbel envelenamento que espallara o seu avogado. Milóxevich faleceu nunha cela do Tribunal internacional da Haia para a Antiga Iugoslavia, onde estaba a ser xulgado por xenocidio.

- 22:57 12/03/2006
Tags:

Slóbodan Milóxevich aparecera morto o sábado á mañá na súa cela da prisión do Tribunal Internacional da Haia para os crimes da Antiga Iugoslavia, onde estaba a ser xulgado por xenocidio, crimes de guerra e múltiples violacións dos dereitos humanos durante a guerra dos Balcáns. O ex presidente iugoslavo tiña 64 anos e levaba dende o 2001 detido na Haia, pendente dun xuízo que aínda non rematou e que foi moitas veces adiado por problemas de saúde de Milóxevich. A súa morte prodúcese 5 días despois do suicidio, no mesmo cárcere, de Milan Bábich, o que fora líder dos serbios de Croacia.

Un día antes da morte, Milóxevich comunicáralle ao seu avogado Zdenco Tománovich as súas sospeitas sobre que puideran estalo a envelanar. Tamén nunha carta anterior ao ministro ruso de Exteriores, Serguei Lavrov, acusaba as autoridades neerlandesas de subministrarlle fortes tratamentos químicos axeitados para combater a lepra e a tuberculose. O Tribunal da Haia impediu que Milóxevich se fose mirar da saúde a Rusia, coa sospeita de que non volvese a comparecer perante os xuíces.

Non está claro aínda onde será soterrado Milóxevich. A súa viúva e mailo fillo, Miriana Márcovich e Marco Milóxevich, viven en Moscova e desexan que vexa a terra aló, pero a súa irmá Maria Milóxevich prefire que sexa en Montenegro, aló onde ela vive. Por outra parte, algúns seareiros de Milóxevich que seguen a desenvolver labor político en Serbia manifetsaron o seu interese de que o ex-presidente fose soterrado en Belgrado con honras de xefe de estado.

Os cargos que se lle imputaban a Milóxevich eran o de xenocidio, en relación co masacre de Srebrenitsa (Bosnia), crimes contra a humanidade acontecidos en Bosnia, Croacia e Cosova, violacións das leis bélicas neses mesmos territorios e violación da Convención de Xenevra en Bosnia e Croacia.


Ligazóns

0/5 (0 votos)