Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA DE MARÍA REIMÓNDEZ

Vémonos en Etiopía

A escritora e cooperante María Reimóndez viaxa este ano a Etiopía para proseguir o seu traballo coa ONGD Implicadas/os no Desenvolvemento. E, como xa fixera no 2004 e no 2005 coas súas viaxes á India, desta vez volve enviarnos as súas crónicas dende Etiopía, un país de 60 millóns de habitantes que són ten conexión a internet en dúas cidades. Nesta crónica previa á viaxe Reimóndez cóntanos as súas sensacións e convídanos a acompañala a coñecer a situación precaria na que viven as mulleres en Adis Abeba.

- 18:13 20/07/2006
Tags:

Hai un par de días saquei as fotos de dúas amigas para irlles coñecendo mellor a cara. Ignoro como se chaman, se cadra tan só "mulas", pero xa lles buscarei un nome acaído. Por detrás das fotos comezan a remexer os nomes coñecidos ("Diante da oficina de WSO en Mersa", pon unha, "No centro de Mersa" a outra). Son dúas mulas ben xeitosas e seguro que despois deste mes e medio nos coñeceremos bastante ben.

Se cadra a foto das mulas (que por certo financiou IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO e que son o único medio de acceder a moitas poboacións en Etiopía) é a única constancia do que se aveciña. Se cadra, ou se cadra non (que galega, despois de todo!). Na cabeza as imaxes de 2003, Adis Abeba na choiva permanente e o frío, a montaña inmensa e abraiante, as mulleres e a auga, as mulleres cos seus gabis, tecendo, as moscas. Gústame gardalo todo, o agradable e o non tan agradable, no afán de non idealizar. Todo iso está dentro, como tamén o cambio de billete do ano pasado (que me levou de volta á India), as revoltas, a tensión, os disparos preto das sedes das ONGs locais, a represión. Todo iso segue aí, dunha forma máis tácita pero segue.

Aínda así, non hai moito tempo para a reflexión antes da viaxe. Todo debe quedar listo para a ausencia, desde a loxística de regar as plantas ata os traballos pendentes e asignación de tarefas en IND. O tempo virá despois. O de reflexionar e aprender. Sobre todo. O tempo de convivir e entender (ou tentalo). E recoñezo que nesa viaxe sempre é benvida a compaña.

As Crónicas desde a India (as accesibles de 2004 e as que están aínda só no caché das páxinas de Vieiros de 2005) son para min unha fonte de contacto con moitas persoas que me ten reportado enormes satisfaccións e posibilidades de coñecer e coñecerme mellor. Sen dúbida será curioso e irregular comunicarnos a través dunha plataforma virtual nun país onde (a última vez que estiven, agardemos a ver algún cambio) só hai conexión a internet en dúas cidades (Etiopía ten uns 60 millóns de habitantes) e onde botarei tempo substancial en zonas onde só as miñas dúas amigas poden penetrar. Aí onde viven miles de persoas cada día. Non por inaccesibles non existen. Vendo as noticias porén constato que con toda a tecnoloxía e autoestradas somos moito máis inaccesibles nós para elas ca viceversa.

Por todo isto non podo resistir a tentación de convidarvos a acompañarme unha vez máis. Porque se cadra o máis importante de moverse é moverse coa cabeza, o meu único afán contribuír humildemente a ese movemento. O único que pode cambiar o mundo.

Vémonos en Etiopía!


3/5 (2 votos)