Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA - 5

Quen dixo pasividade?

A vontade de facer algo polo país, polas persoas que o necesitan (millóns) permea os meus contactos con todas as persoas coas que me atopo fóra do traballo. As mestras e mestres das nenas, dando clases nas súas vacacións, son unha mostra de que as intencións son máis ca palabras. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 06:07 07/08/2006
Tags:

Quen dixo pasividade? Son case catrocentas nenas as que asisten ás clases de verán. Todas elas proveñen de familias pobres e traballan na rúa. Cada día hai cinco horas de clase de diferentes materias. Dez profesoras e profesores, profesionais que de forma voluntaria deciden contribuír á mellora da vida das nenas, imparten as clases. Por iso me enfurecen tanto as declaracións que representan ás persoas do sur como inactivas ou pasivas. A vontade de facer algo polo país, polas persoas que o necesitan (millóns) permea os meus contactos con todas as persoas coas que me atopo fóra do traballo. As mestras e mestres das nenas, dando clases nas súas vacacións, son unha mostra de que as intencións son máis ca palabras.

Obstáculos Mence un novo día gris e frío en Addis. Sento na oficina de OPRIFS disposta a traballar nunha proposta de proxecto que andamos preparando. Parte do meu traballo é tamén este. Facer cousas que consomen tempo. E neste caso ademais con máis razóns. En Etiopía comeza a aparecer a metodoloxía dos grupos de aforro. Nós levamos traballando así na India desde que comezamos (por iso me piden que axude con esta iniciativa, pero será unha débeda máis que teña coa India, que tanto me ensina) , e estou segura de que esta metodoloxía ten máis de 20 anos. A través do aforro propio, os grupos (de mulleres normalmente) van creando un fondo que logo rotan entre si a través de pequenos préstamos que devolven ao grupo. OPRIFS quere comezar a traballar deste xeito, máis que nada porque garante a perdurabilidade das intervencións e a propiedade absoluta dos recursos por parte da comunidade. Claro que en Etiopía non é tan sinxelo. Esta é unha metodoloxía democrática que vai en contra dos intereses do goberno. Nós xa a utilizamos na zona rural, na montaña, pero en Addis a cousa complícase. Os tentáculos do partido chegan a todos os barrios. Despois das revoltas do ano pasado a confianza da xente entre si tronzou. Ir ao cárcere é tan sinxelo como abrir algo de máis a boca diante de quen non debes. Nunca se fala de política excepto en lugares seguros. Aínda así, queremos intentalo. Porque por difícil que sexa, ese traballo de base, de crear comunidade e confianza, é o único que pode dar esperanza da fin deste calvario colectivo sen pasar novamente polas armas. Algunhas aínda temos esperanza.

Anteriores:

  • (1) Estranxeira doméstica... de onde?
  • (2) Catro voltas a Addis nun día
  • (3) A burocracia para quen a queira
  • (4) Pasos tranquilos diante de botas de asalto


0/5 (0 votos)