Colaborar en tarefas de evacuación de veciños é a función fundamental, a única atendendo estritamente ás competencias relacionadas, coa que chegan as unidades do exército até os concellos galegos, aínda que desde o ministerio de Defensa afirman non dispoñer de datos concretos sobre poboación evacuada ou atendida polas unidades despregadas durante estes días. Á beira, e ben importante dada a intencionalidade da maioría dos lumes, está o efecto disuasorio que a propia presenza das patrullas tería fronte á actividade dos incendiarios. Con todo, o carácter de espectadores asumido polos soldados, aínda coas lapas preto das vivendas, acendeu o malestar dos cidadáns nalgúns lugares, que agardaban que os militares participasen tamén en labores de extinción, cooperación que inicialmente non se produciu, alén dos catro hidroavións militares enviados a Galiza.
"Operación Bruxa" é o nome escollido polos mandos do exército para a actuación que desenvolverán nos próximos días en Galiza, e que non foi oficialmente autorizada até este martes. Así e todo, unidades do exército viñan colaborando desde a fin de semana, fundamentalmente co apoio de hidroavións militares nas tarefas de extinción.
Nas últimas horas e despois da chegada de enxeñeiros do exército hai noticia tamén da colaboración militar na extinción, en tarefas de dirección. Así e todo, a función disuasoria e as tarefas de evacuación serán os cometidos oficiais do exército estes días. Con esa fin o despregue chegará aos 1.200 soldados esta semana, dos cales 630 militares xa están mobilizados neste momento.
Deica o ano que vén non funcionará a Unidade Especializada para Emerxencias
Diante das críticas, o subsecretario do ministerio, Justo Zambrano, destacaba este martes que a solución chegaría en pouco tempo, no momento en que estea operativo un novo grupo do exército, bautizado Unidade Militar de Emerxencia, UME, que se especializará en determinadas actuacións, tales como o caso dos incendios.
Os próximos meses de setembro e outubro vanse producir os procesos de selección dos integrantes deste servizo especial que chegará a incorporar até 4.500 militares e que podería iniciar a súa actividade no verán de 2007. "Será unha unidade potente e con gran capacidade de despregue no territorio e amplos medios", explicou Zambrano, insistindo en que "as posibilidades actuais do exército definíronse para outras funcións".