Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PERSPECTIVAS LABORAIS NA MOCIDADE

A maioría dos mozos prefiren ser funcionarios

Soldos medios máis baixos, xornadas laborais máis longas e menos tempo de vacacións son algúns dos problemas para os traballadores segundo as estatísticas que para o conxunto do Estado ofrece unha das últimas enquisas do Eurostat. Á beira, contámoslles doutra sondaxe realizada a nivel estatal e segundo a cal sete de cada dez mozos prefiren ser funcionarios da administración a empregados fixos de calquera empresa.

- 10:26 29/08/2006
Tags:

Investigadores da Univesitat Pompeu Fabra e do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas colaboraron para a realización dun estudo sobre as características da inserción laboral dos mozos a nivel de todo o Estado. O informe fai peneira dos datos recollidos en dúas ducias de cidades, entre elas a de Vigo, e avalía as preferencias da mocidade á hora de buscar traballo.

Destaca da análise a clara preferencia que os novos amosan pola posibilidade de convertérense en funcionarios da administración, o 65% do total, fronte á posibilidade de obteren traballo nunha empresa relacionado directamente coa súa formación. Os investigadores preguntáronlles de xeito concreto aos mozos e mozas o que decidirían no caso de teren que escoller entre un traballo con contrato indefinido e soldo de 1.200 euros, ou praza de funcionario con idéntico salario, atopando que apenas o 20% escolleron a opción da empresa privada, cun 13% ao que lle daba igual, escollendo o resto a opción da administración.

Os investigadores subliñan a resistencia á flexibilidade laboral dos mozos, que no 77% dos casos non están dispostos a saír da cidade onde viven para traballar noutro lugar, e indican que as taxas de mobilidade xeográfica son ben diferentes a outros países europeos, tanto á hora de mudar domicilio como de estudar. Os investigadores explican que nos últimos anos se ampliou o rexeitamento dos mozos e mozas a calquera aspecto laboral que implique flexibilidade, de xeito que mesmo diminuiu a porcentaxe dos que prefiren "un traballo que estea algo por riba da cualificación coa que chegan, é dicir que supoña un reto".

Contámoslles de paso dos últimos datos do Eurostat, segundo os cales a media de horas de traballo á semana é aquí de 38.2 horas, por riba das 36.5 de media nos páises da zona euro, cifras que restrinxidas aos traballadores asalariados a tempo completo son de 41 horas semanais por 39.7 no contorno da UE. Á beira, o Estado español é o que menos vacacións lle ofrece aos seus traballadores, apenas 22.8 días por ano, lonxe dos 27 días do resto de Europa. Máis aínda, o salario medio aparece tamén moi por baixo por estes pagos, cobrando aquí os traballadores apenas pouco máis da metade do que un traballador alemán. De paso, as cifras da inflación amosan que o poder adquisitivo caeu no Estado español máis que en calquera outro país da Unión Europea.


Ligazóns

0/5 (0 votos)