Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA 17

Lembranzas en lapas

A paisaxe é unha saia verde. Na miña mente non podo deixar de pensar un minuto nos lumes que me destrúen o fogar. Penso neste verde, nestas montañas, coas palabras de angustia da miña mai, as noticias de internet antes de deixar Addis, as nubaradas de cinsa sobre o meu Vigo. A beleza das montañas tenta tranquilizarme pero non son capaz. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 08:38 30/08/2006
Tags:

Atletas cara ao rural
Á saída de Addis o tempo e a paisaxe comezan a cambiar paulatinamente. Aínda preto da cidade, equipos de deportistas, homes e mulleres, corren pola estrada adiante. En Etiopía o atletismo é unha profesión con sona grazas ás fazañas das e dos corredores das últimas décadas. Axiña van quedando atrás eses reductos urbanitas e a mirada se desfai na paisaxe verde e inmensa da Etiopía rural. Malia á superpoboación, o espazo parece enorme e sen conquistar. Ou será que estou afeita a habitar un país con mil millóns de habitantes no que cada recuncho de espazo ten algún tipo de vestixio humano.

Saraiba
A choiva detense un anaco para deixarnos parar nunha gorxa observar como sobe a néboa. Paco consegue ver o que parecen lemures (eu nin sequera sei se hai lemures en Etiopía, pero segundo Paco son iso ou coellos xigantes...). Cando estamos aí, na altura, un grupo de labregos achéganse, venden uns gorriños xeitosos, aínda que eu me pregunto a quen neste cumio. Cando estamos observando e sendo observadas, comeza unha choiva que axiña é saraiba brutal. A carón da estrada semella neve de tanto xeo como cae. Isto é o verán etíope.

Lembranzas en lapas
A paisaxe é unha saia verde. Na miña mente non podo deixar de pensar un minuto nos lumes que me destrúen o fogar. Penso neste verde, nestas montañas, coas palabras de angustia da miña mai, as noticias de internet antes de deixar Addis, as nubaradas de cinsa sobre o meu Vigo. A beleza das montañas tenta tranquilizarme pero non son capaz.

Auga terrible
Outro alto no camiño. Un grupo de xente está apoiada nunha ponte. A auga baixa cunha forza descoñecida. Nunca viran tal. As inundacións do leste do país cederon pero a auga non deixa de caer en zonas proclives á seca. Nos leitos secos dos ríos levan anos sen memoria as terras de cultivo. De socate os nenos comezan a sinalar con axitación algo na auga. Entre os remuíños, a crina dun cabalo. Todo o mundo mira agardando que saia, que sexa capaz de chegar á beira. Vemos os esforzos do animal por saír adiante. A min acugúlaseme a angustia cando o vexo pasar por debaixo da ponte. Todas as caras din o mesmo. Non hai nada que facer. Pregúntome que tería pasado de ser unha persoa. Prefiro non ter que contestar a esa pregunta.




Anteriores:


0/5 (0 votos)