Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA – 20

Un 25% de silencio

Un dos obxectivos do proxecto é erradicar prácticas como o jebata, que consiste en que se unha nena non está casada cando lle vén a menstruación o representante relixioso da aldea ten dereito a "desvirgala" (léase obviamente violala con consentemento da familia) para que non sexa unha deshonra. Nesta zona tamén é frecuente o matrimonio por rapto. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:14 06/09/2006
Tags:

Presión a ambos lados
Á saída do grupo imos visitar unha das fontes que canalizou WSO. Hai que camiñar polo leito dun río que agora leva pouca auga, mesmo se as choivas ameazan con enchelo. Nin eu mesma nin en IND nos motivan as obras e contratas, como lles chamo eu. Pensamos que esta é unha responsabilidade dos gobernos que hai que presionar para que cumpran. En países como Etiopía non é doado. Pola situación política e tamén pola axuda viciada dende hai tantos e tantos anos. As ONGs de xeracións anteriores fixéronse expertas en construcións, moitas delas agora abandonadas e perdidas nas xeografías de tantos países africanos. Ademais, os gobernos doadores poden impoñer a condición de que un 20% da axuda que se dá se invista en servizos públicos básicos (educación, sanidade, canalizacións de auga, etc). Aí é cuestión nosa presionar.

25%
A WSO acaba de recibir financiamento para poñer en marcha un proxecto de prevención e erradicación da violencia de xénero e sexual. Segundo o Banco Mundial o 25% das mulleres etíopes son violadas. A cifra é tan brutal que semella inaudita. Mais non o é. Un dos obxectivos do proxecto é erradicar prácticas como o jebata, que consiste en que se unha nena non está casada cando lle vén a menstruación o representante relixioso da aldea ten dereito a "desvirgala" (léase obviamente violala con consentemento da familia) para que non sexa unha deshonra. Nesta zona tamén é frecuente o matrimonio por rapto (que na maioría dos casos consiste nunha violación e logo rapto que se soluciona dando a rapaza a quen a violou en matrimonio para evitar a deshonra novamente). A isto unamos as violacións intrafamiliares ou de coñecidos (as máis frecuentes en todo o mundo), os asaltos e cando nos damos conta estamos no 25%. Un 25% de silencio que non por iso deixa de existir.

Sen medo ante os peixes gordos
Para conseguir apoio para o novo proxecto de erradicación da violencia de xénero e sexual a WSO convoca un seminario con participantes das comunidades incluídas no proxecto, as autoridades civís e relixiosas e outras persoas influíntes. A WSO tamén convidou a algunhas mulleres dos grupos de aforro de Mersa para que expliquen en que consisten, xa que o proxecto inclúe a formación dalgúns grupos na zona rural. O proxecto preséntase, logo hai espazo para o debate. Os homes falan e falan. Que se na súa zona hai mutilación, que se nunha hai jebata, que se noutra non. As mulleres calan. Elas que son as que realmente saben do sufrimento. As únicas que toman a palabra son as mulleres dos grupos. Penso no proceso que as levou a ter esa voz e ante o panorama sinto algo de esperanza. Cantas maneiras hai de manternos caladas sen dar esa orde directamente.

Anteriores:


0/5 (0 votos)