Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA 23

A capacidade de escoitar

Se cadra falamos demasiado, pensando que temos importantes leccións sabias que transmitir ao mundo, como se as comunidades dos países en vías de desenvolvemento fosen meniñas e meniños que deben sentar na escola aprender pola vía da lección maxistral. Se cadra habería que virar as tornas e escoitarmos nós por unha vez con atención. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:39 11/09/2006
Tags:

Edget Ras
De volta en Mersa regreso a un lugar coñecido. No bico da rúa, costa arriba, reúnese Edget Ras, outro dos grupos pioneiros. As mulleres reúnense hoxe como cada semana. Como hai tres anos. Recordo con certa hilaridade (aínda que naquel momento a graza que me fixo foi pouca) a miña anterior visita e a imposibilidade de falarmos. Ao noso arredor congregárase tal cantidade de xente que nin sequera unha das integrantes coa súa vara foi capaz de dispersala. Dende entón construíron un pequeno alpendre diante da casa dunha delas que nos permite un certo refuxio. Á fin podemos ter o noso tempo para falar, o máis importante. Do aforro, dos negocios, e tamén do resto. De non ter que pedir cartos aos maridos. De poder á fin falarlles de igual a igual. As mulleres e os homes recibiron formación sobre patróns de xénero. Agora os homes traballan tamén na casa. Un inaudito máis para a lista daquelas cousas que semellan inalcanzables e que se obteñen con diálogo pertinaz.

Reflexións sobre o outro lado
Despois da visita a Edget Ras reflexiono sobre iso que tantas veces me preguntan cando estou aí, do outro lado. Os nosos prexuízos occidentais inzados de superioridade definen rapidamente como profundamente machistas as sociedades dos países do Sur (non a nosa, claro, onde cada ano morren 100 mulleres a mans das súas "parellas", onde cobramos ata un 50% menos cós homes polo mesmo traballo e un longo etc). E despois de tantos anos traballando nisto chego á conclusión de que as mentalidades se cambian máis facilmente no Sur pola simple razón de que as persoas que están nun proceso de desenvolvemento, nun proxecto, están con mentalidade aberta, co afán de cambiar e de aprender. Comprenden moito máis cós nosos acomodados cerebros de abundancia. A nós fáltanos en xeral a capacidade de escoitar. Se cadra falamos demasiado, pensando que temos importantes leccións sabias que transmitir ao mundo, como se as comunidades dos países en vías de desenvolvemento fosen meniñas e meniños que deben sentar na escola aprender pola vía da lección maxistral. Se cadra habería que virar as tornas e escoitarmos nós por unha vez con atención.

Choiva
Xa temos a luz apagada cando comeza. Mersa non é zona de choivas. Vive na seca máis absoluta. Mais esta noite o ceo escuro ábrese e o trebón cae incesante. Acendemos a luz ante o son ameazante da choiva. Cómpre protexer o equipo da auga. Eu dende a cama observo como o teito se comba cada vez máis. Da miña cabeza non escapan as imaxes das casas precarias que ateigan os camiños. Se o noso teito comba, non quero nin pensar como estarán os desas casas. A inquedanza dun potencial derrube do cuarto non nos deixa durmir. Observamos na noite escura ata que o inmenso trebón decide descansar polo de agora.




Anteriores:


0/5 (0 votos)