Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA 25

Un país que non é libre

Os militares están por todo o mercado. Veñen de cada pouco increpar a Mohammed, preguntarlle por que seguimos gravando, que se o que nos interesan son as mulleres dos grupos que as gravemos só a elas. Pálpase no aire a represión nun país onde non hai liberdade. 10.000 persoas foron encarceradas dende as eleccións fraude do ano pasado. Entre elas o líder do partido da oposición. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:16 13/09/2006
Tags:

Na percura do tempo perdido
Yeshkebede ten todo preparado na cafetería da escola. Este mes está pechado porque son vacacións de verán pero abre certos días nos que hai cursos. Hoxe precisamente o curso é para as novas integrantes dos grupos de aforro creados recentemente. A formación resulta fundamental. Hai cousas básicas e outras que non o son tanto, como os aspectos de xénero. Egije explica que aprendeu que non hai traballos de homes e de mulleres e que non se lles deben dar tarefas diferentes (e máis gravosas) ás fillas. Para Take o tempo foi demasiado curto. Levamos tanto tempo sen falar dos dereitos das mulleres que recuperar o tempo perdido leva anos.

Usurpando
Cando me falan de WORTH non podo máis que botar unha gargallada. É que non hai maneira, non se poden admitir os logros dos demais. WORTH é un programa fomentado polos Estados Unidos e Canadá que é exactamente igual aos grupos de aforro e crédito só que as mulleres gardan os cartos nunha caixa con tres chaves (que simbólico) e teñen clases de alfabetización que en calquera caso o programa non financia, téñenas que dar voluntarias. A metodoloxía dos grupos de aforro (self-help groups ou SHG en inglés) naceu na India e agora úsase en centos de países. Pero ata isto incomoda ao imperio. E precisa poñer un novo nome a algo que xa existe para reclamar a propiedade sobre unha idea que non lle pertence. Igualiño que as patentes dos produtos da menciña tradicional. Río ante a ridiculez da iniciativa pero pouca graza ten este afán incesante de controlar e apropiarse do coñecemento alleo. O maior roubo do mundo.

Cartos sos non abondan
Os grupos de WORTH non inclúen formación de xénero de ningún tipo. As mulleres falan de mutilación, de matrimonios infantís e da tradición prevalente na súa comunidade de herdar a muller ou compartila entre varios irmáns. "Se temos moitos cartos ata pode que teñamos problemas cos nosos homes". E aquí a sabedoría das mulleres confirma a miña teoría de que os cartos sos non fan o cambio. Cómpren intervencións máis amplas.

Mercado
O sábado é día de mercado en Mersa. As mulleres dos grupos rebolen de actividade. É incrible o número de beneficiarias que sentan vender acá e acolá no campo da feira, cheo de gando, café, verduras, gran, roupa. A multitude arremuíñase novamente ao redor de Paco, que tenta facer o seu traballo con impecable profesionalidade, coma sempre. As mulleres saúdan sorrintes. Síntome contenta entre o boureo.

Boliños de Tenagne
Tenagne ten alugado un local preto do mercado onde fai té e uns boliños fritidos con lentellas dentro. Aló está coa súa filla que pon cara de contenta ao vernos, rillando nun boliño. A súa capacidade de traballo é abraiante. Non só ten 20 ovellas, tamén vende no mercado de cando en vez e outros días prepara estes boliños tan saborosos. Sempre coa neniña ao seu carón. Ten outro fillo, o home quedoulle con el en Addis. Aman e mais eu estivemos falando do problema da tiroxina. A nosa solución é sinxela, queremos ofrecerlle a Tenagne que dea clases de alfabetización a varios grupos, pagarémoslle un salario que complemente os seus ingresos e que lle permita mercar o medicamento sen a caridade de ninguén. Porque as clases son necesarias e ela xa está afeita a dalas. A cantidade é tan insignificante (250 euros ao ano) que eu xa teño claro de que peto vai saír. Mentres non somos capaces de poñer en marcha o novo proxecto (hai que rematar de deseñalo, facer a proposta e logo, mentes a suar, buscar financiamento) esta será a solución provisional. Hai cousas que non poden agardar.

Un país que non é libre
O primeiro momento de acoso manifesto véxoo vir rapidamente na cara do estirado que pretende darse importancia á nosa costa. Non sei aínda se nos vai pedir cartos ou só busca algún tipo de reafirmación social. Desta vez é o segundo caso. Obriga a Paco a deixar de gravar ata que non se satisfagan as súas preguntas. Aman e Mohammed explícanlle o obxectivo da gravación, confirman que as autoridades do distrito están informadas (este pavo real é do concello) e que non hai motivo de conflito. Con xesto grandilocuente danos o beneplácito a súa señoría. E seguimos gravando. Ata o seguinte momento. Os militares están por todo o mercado. Veñen de cada pouco increpar a Mohammed, preguntarlle por que seguimos gravando, que se o que nos interesan son as mulleres dos grupos que as gravemos só a elas. Por máis que se lles explica que iso non é posible, que cómpre ter imaxes do seu entorno, do mercado en xeral, o acoso insiste e é tan pertinaz que Mohammed acaba marchando (el é o que ten que seguir vivindo en Mersa cando nós marchemos uns para Addis e outros para Galicia) e nós rematamos ás présas o traballo para evitar maiores conflitos e represalias. Pálpase no aire a represión nun país onde non hai liberdade. 10.000 persoas foron encarceradas dende as eleccións fraude do ano pasado. Entre elas o líder do partido da oposición.

Vistas dende o alto
Para relaxar a tensión decidimos subir a algún lugar alto e máis afastado gravar algunhas tomas xerais de Mersa. Pola rúa arriba chegamos a unhas choupanas que están empoleiradas na aba que rodea a vila. Alguén carga un camelo un pouco máis arriba. Miramos na distancia mentres Paco grava. Mohammed ensíname Moloxi, a montaña que crucei no 2003 a lombos da mula para chegar ás comunidades do outro lado. Seméllame enorme e moi afastada. Este ano as choivas impediron poder cruzar e achegarnos de novo. Na miña mente regresar, volver chegar a onde ninguén chega. Un certo sentido de terlles fallado a aquelas mulleres, mesmo se sei que é pola auga e non pola miña falta de vontade ou decisión. Moloxi mira na distancia e acó, ao noso carón, un grupo de nenos cheos de po, algúns con feridas infectas, lémbrame a necesidade tamén do que está máis inmediato.




Anteriores:


0/5 (0 votos)