Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRONTE AO CAOS ACTUAL NO SECTOR

O goberno defende as garantías a curto prazo para o desenvolvemento urbanístico

"Galiza non ten futuro competindo na destrución do litoral", insistiu este xoves o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Desde a vicepresidencia, Anxo Quintana opinaba que a iniciativa do goberno galego non só non frea as oportunidades para o sector urbanístico senón que lle dá garantías de futuro. Na mesma xornada, desde o PPdeG tamén teimaban na súa propia análise sobre a nova lei para o litoral, asegurando que se "criminaliza" inutilmente o sector da construción e que só servirá para "aumentar os prezos". Mentres, no Congreso pasaba o seu primeiro trámite a Lei do Solo.

- 08:01 24/11/2006
Tags:

"Queda unha gran tarefa como país: establecer o consenso social sobre a organización do territorio". Reflexionaba así o presidente da Xunta durante a apertura do primeiro Congreso Internacional de Territorio e Urbanismo. Na opinión de Emilio Pérez Touriño, é necesario que os cidadáns tomen "conciencia colectiva" do que se está intentando facer, poñendo orde nunha das "grandes cuestións de país", referíndose á "convivencia conxunto, a habitabilidade, a apropiación colectiva do territorio pola cidadanía".

Pérez Touriño referiuse ás oportunidades para un novo modelo de ordenación "sustentábel" tanto desde o punto de vista social como económico. O presidente laiouse de que a prudencia non guiara a actuación das administracións durante os últimos anos, fracasando en valorizar a xestión do territorio e facilitando unha "ocupación incontrolada e excesiva", ademais da "presión sobre o litoral", a dispersión, a destrución da paisaxe rural, o abandono do monte, a creación de áreas suburbiais degradadas e "a conversión do solo en valor de renda especulativa". Por todo iso, defendeu as medidas "cautelares" en materia de ordenación do litoral, que garantan que "cando queiramos desenvolver o Plan Integral de Protección do Litoral non nos atopemos cunha realidade absolutamente afectada por un desenvolvemento non controlábel".

De igual xeito, o vicepresidente da Xunta dirixiuse especialmente cara ao empresariado do sector, que estes días reaccionou con belixerancia fronte á iniciativa do goberno. Anxo Quintana transmitiu unha "mensaxe de tranquilidade", lembrando que o goberno confía na capacidade do sector da construción para continuar e incrementar a súa actividade, pero advertindo de que a necesidade de que o control do uso do solo é unha cuestión inaprazábel. Na opinión de Quintana, a aposta polo desenvolvemento sustentábel garantirá un crecemento do sector baixo parámetros racionais e transparentes.

O PPdeG ve unha criminalización innecesaria
Xa advertiran desde o PPdeG estes días que segundo a súa avaliación, non existiría ningún problema xeneralizado de corrupción nin crecemento desordenado, polo que na opinión deste partido a única necesidade é o control dos casos puntuais que se detecten. Este xoves, a voceira en materia de vivenda dos populares, Pilar Rojo Noguera, engadía á lista de críticas que as novas normas para o litoral "limitarán aínda máis a posibilidade de executar vivendas de promoción pública". Segundo Pilar Rojo, a consecuencia será o incremento dos prezos da vivenda. Rojo recuperou tamén o ofrecemento do PPdeG para un "pacto institucional en materia de urbanismo", xa proposto por Núñez Feijóo o día anterior, malia non dar detalles sobre as características dese posíbel acordo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)