Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DA CONFEDERACIÓN SINDICAL INTERNACIONAL

Paus diarios na UE aos dereitos fundamentais dos traballadores

No cerne "dunha das economías máis grandes do mundo", a que conforma na actualidade a Unión Europea, prodúcense todos os días importantes irregularidades no ámbito laboral. Fai repaso un recente estudo a Confederación Sindical Internacional, que investiga as abundantes vulneracións dos dereitos dos traballadores en cada un dos 27 estados da UE.

Redacción - 11:47 01/03/2007
Tags:
CSI

CSI

A discriminación antisindical, os problemas co dereito á folga e a discriminación salarial coas mulleres son tres dos puntos que máis destaca a análise realizada pola Confederación Sindical Internacional. Ningún dos estados da UE escapa á crítica, aínda que as denuncias son maiores cara aos socios máis recentes.
Alén de que na teoría os principais convenios internacionais para a protección dos dereitos dos traballadores fosen asinados por todos os membros da Unión Europea, a práctica amosa que é habitual a violación dos dereitos e o incumprimento das lexislacións laborais. Salientan o caso da desigualdade da muller no ámbito laboral, especialmente importante nos salarios, que son significativamente máis baixos en todos os estados.
Alén diso, as mulleres sofren de maiores índices de desemprego, apenas aparecen nos postos de relevancia ou sofren de máis traballos a tempo parcial. O informe refírese a unha fenda importante "tanto na lexislación como na práctica" e advirte que nalgún país o salario dunha muller chega a ser até un 40% menor que o dos seus compañeiros homes. Ademais, láianse de que o acoso sexual "segue sendo un problema".
Por outra parte, o estudo ocúpase tamén da liberdade sindical, criticando as cancelas á negociación colectiva, o despedimento de traballadores temporais polo feito de estaren sindicados ou as limitacións "excesivas" do dereito a folga. Neste ámbito, as denuncias van fundamentalmente contra países como Eslovaquia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Romanía, Bulgaria e a República Checa.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: