Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SÉTIMA MOCIÓN DE CENSURA NESTA LEXISLATURA

O PP consegue a alcaldía de Verea tras unha moción de censura

O "popular" José Antonio Martínez González é o novo alcalde do concello ourensán de Verea tras prosperar a moción de censura presentada contra o anterior alcalde do PSOE, Félix Parada. A moción contou cos votos a favor dos catro concelleiros do PP e cos dous dos edís agora independentes e antes do BNG. O pleno transcorreu con normalidade, aínda que os dous concelleiros independentes foron increpados polos veciños favorabeis ao anterior alcalde. Martínez González gobernará en minoría, xa que os dous independentes non entrarán no novo goberno municipal.

- 15:49 26/07/2004
Tags:

A orixe da moción de censura é a destitución por parte do anterior alcalde do dous edís do BNG e deu por finalizado o pacto suscrito entre o PSOE e o BNG despois das últimas eleccións municipais. Os concelleiros do BNG decidiron darse de baixa na formación nacionalista para poder apoiar a moción de censura que permitiu o ascenso á alcaldía do candidato do PP.

Segundo o novo alcalde, a moción contou co "total apoio" da dirección provincial do Partido Popular, que non considerou que se dera unha situación de transfuguismo.

A de Verea é a séptima moción de censura que se presenta en Galiza no que vai de lexislatura e a terceira na provincia de Ourense. Na maior parte dos casos, estas manobras favoreceron ao PP, que recuperou a alcaldía de Ponteareas e, máis recentemente a de Bueu.

Verea é un pequeno concello da comarca de Celanova cunha precaria estructura poboacional, social e económica que condiciona a súa actividade política. Só algúns datos: Verea ten arredor de 1.400 habitantes, aínda que o censo de votantes é de 2.079 (no 2003). A taxa de poboación activa é só do 33,1% e a porcentaxe de paro, do 18,6%. A idade media da poboación é de 55 anos. En 2003 rexistráronse 6 nacementos e 33 defuncións.


0/5 (0 votos)