Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CATRO ANOS SEN XUSTIZA PARA OS DETIDOS

As Nacións Unidas piden o peche "inmediato" do cárcere dos EUA en Guantánamo

Un informe realizado por un grupo de expertos da ONU do que se avanzan detalles esta semana solicita que o máis de medio milleiro de presuntos terroristas que o goberno dos Estados Unidos mantén presos en Guantánamo acusándoos de pertencer á rede terrorista de al-Qaeda, sexan xulgados diante dun tribunal internacional. En resposta ao estudo, baseado nas declaracións dalgunhas das persoas que estiveron aló encerradas e no testemuño dos seus avogados a administración Bush retrucou que "ningún dos que o escribiron foi a Guantánamo".

- 12:00 14/02/2006
Tags:

O informe que será presentado ao completo nos próximos días, denuncia a tortura á que nese centro de detención se somete aos detidos e pide o seu peche inmediato. Ao tempo, acusa aos EUA de negarlles a estes un xuízo e insiste en que "se inicie inmediatamente o procesamento xudicial ou do contrario se poña axiña en liberdade a todos os presos". A investigación vai asinada por un grupo de cinco expertos da Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.

Ao respecto, Sean McCormack, voceiro do departamento de Estado do goberno Bush, retrucaba este martes que a comisión renunciou á vista á que os convidaran e que o informe estaría baseado en lerias e ruxerruxes. Sobre ese convite, desde a comisión apuntan que se lle restrinxira a só tres dos cinco membros que a integraran, que se impuxeran estritos condicionantes e lembran que durante todo o proceso a administración dos EUA púxolle múltiples obstáculos á investigación.

O documento subliña que o goberno Bush debería vixiar que "non se practique a tortura" sobre os presos así coma "a discriminación pola súa relixión" ou as "violacións ao dereito á saúde e á liberdade", insistindo especialmente na denuncia das violentas "técnicas especiais" nos interrogatorios, autorizadas polo Departamento de Defensa dos EUA. Do mesmo xeito, pídenlle ao goberno Bush que pare o envío dos detidos a outros países "onde existen evidencias comprobábeis de que poden estar en perigo de seren torturados". "Os EUA deberían proporcionarlle ao persoal dos seus centros de detención, formación para que teñan coñecemento e cumpran co deber de respetar os estándares de dereitos humanos internacionais sobre o trato a persoas detidas", recolle o informe, pedindo que non se use a "guerra contra o terrorismo" coma xustificación para prolongar a súa detención indefinida e sen cargos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: