Prefiren traballar na administración a ser empregado fixo de calquera empresa ou promover o seu propio proxecto.
Aínda optando a un salario similar e con contrato indefinido, oito de cada dez mozas e mozos escollen ser funcionarios de calquera administración antes que obter un traballo nunha empresa que estea directamente relacionado coa súa formación académica.
Son cifras dunha sondaxe realizada o verán pasado por investigadores da Universitat Pompeu Fabra e polo Instituto Valenciano de Investigacións Económicas, que peneiraron as opinións dos novos en varias cidades de todo o Estado, entre elas Vigo.
Ben é certo que en todo caso, a publicación dese estudo coincidira coa última estatística do Eurostat sobre indicadores sociolaborais, cunha escolma de pouco afagadoras cifras a nivel estatal para os traballadores, entre outras: soldos medios máis baixos, xornadas laborais máis longas e menos tempo de vacacións que na maioría de estados europeos.
Exemplos onde mirar
En 2001, catro doutores en química orgánica con ampla experiencia profesional que traballaban no departamento de química da Universidade de Santiago, decidíronse a lanzar o seu propio proxecto empresarial. Constituíron unha Sociedade Limitada e co apoio da entidade Unirisco, que financiou o 40% dos 60 mil euros que lles custou botar adiante a iniciativa, montaron a empresa GalChimia.
En tres anos asumiron máis de medio cento de proxectos de investigación en todo o mundo e acumularon unha carteira de clientes que inclúe importantes farmacéuticas e químicas en todo o mundo. En pouco tempo sumaron unha ducia de empregados e pasaron a facturar por riba de medio millón de euros.
É un dos exemplos que hai un ano se expuxo na Semana Galega do Emprendedor. Por aló pasaron outras referencias posíbeis, como as promotoras de Gimena Enxeñeiría, catro rapazas que despois de formarse como enxeñeiras técnicas agrícolas no campus de Lugo decidiron montar unha empresa para a oferta de servizos de xestión integral no medio natural. Ou as responsábeis de STS e DeHistoria, que amosaron como a área universitaria das Humanidades pode ser fonte de iniciativas empresariais pouco explotadas.
Para axudar a virar a situación de falta de interese polo emprendemento, organízase este xoves o Día Galego do Emprendedor, apoiado por diversas institucións e que xunta exemplo de experiencias exitosas, ademais de achegarlle aos novos unha escolma de ferramentas de formación e financiamento útiles para a posta en marcha de negocios propios.
Quando as condiçons de respeito ao trabalhador e ao seu trabalho sejam na privada como na pública, poderemos começar a pensar em que essa tendência pode mudar. E isso que a pública ainda tem que melhorar...
E nom só isso. Devem mudar as relaçons clientelares (caciquis, vamos) entre a administraçom e a empresa. até agora nunca valeu ter boas ideias ou projectos bem planificados, avondava (e era estritamente necessário) ser amigo de esse alguém que tocava lá e avisava a nom-sei-quem, para qualquer emprendimento, seja para aceder a contratos da administraçom, seja para que che dessem (ou nom) os permisos e licenças precisas para o que for. Se isso mudasse (mudará?) até eu me atreveria a emprender...