Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
UNHA EMPRESA DA CORUÑA PIONEIRA NA TV POR INTERNET E TELÉFONO

Así se constrúe o futuro da televisión dende Galiza

Lambdstream, que segue a expandirse internacionalmente e gañar premios, prognostica que en tres anos será normal ver a tele no móbil.

Manuel Vilas - 11:40 03/05/2007

“A televisión no móbil será algo masivo en 2010”. Así o indica Jesús Fernández, director comercial de Lambdstream, a empresa galega que acaba de entrar nos mercados de televisión por internet e por teléfono de Rusia e Extremo Oriente.

O directivo de Lambdstream fala con coñecemento de causa, xa que se trata dunha das compañías pioneiras neste sector. Nacida dende as aulas de informática da Universidade de Coruña, xa lanzou as canles de televisión do Deportivo da Coruña e do Concello da Coruña. A súa aposta pola innovación valeulle para gañar nos últimos meses distincións na Noite Galega das Telecomunicacións, do Ministerio de Industria e dos empresarios ourensáns.

Agora prepara o seu salto aos mercados internacionais, para o que contará con representación en Rusia, Singapur, e Oriente Próximo. O seu futuro é prometedor, tendo en conta o previsíbel aumento das conexións de alta velocidade. Así o explica Fernández nunha entrevista co portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información.

Cal é modelo de negocio de Lambdstream e en que campos traballa a empresa?
Somos un provedor de tecnoloxía para televisión interactiva, para televisión IP -tipo Imagenio-, televisión para Internet -como a que montamos para o Deportivo da Coruña ou para o Concello da Coruña- e para telefonía móbil. A “mobile tv” vai ser a próxima moda, e nós temos tecnoloxía líder nese campo. Tamén traballamos con tecnoloxía de vídeo baixo demanda e agora estamos entrando un pouco na prestación de servizos. Pero ben, non acostumamos a proporcionar servizos, sobre todo proporcionamos unha plataforma tecnolóxica. Calquera que teña un contido multimedia -dende unha Fundación que promova concertos a unha cadea de televisión local- pode explotar a nosa tecnoloxía de televisión para internet.

Cando estiman que o público comezará a consumir masivamente televisión nos seus teléfonos móbiles?
Co 3G, pódese dicir que a televisión no móbil xa comezou. Hai cousiñas, aínda que son moi incipientes. Nalgúns países, como Italia ou Rusia xa están máis desenvolvidas pero non é masivo. Até que non haxa un estándar definido para móbiles non creo que haxa unha explosión e que as empresas comecen a lanzar contidos para móbiles. No Estado, estamos á espera que o goberno lexisle sobre esta tecnoloxía. E a Comisión Europea xa advertiu que cómpre facelo, porque é un sector interesante para medrar. Eu penso que para o 2009 en todas partes haberá “mobile tv”. No 2010, como moi tarde, será algo masivo. Iso si, ninguén pode predicir o futuro.

Tedes plans de expansión en Rusia, Oriente Próximo, Singapur ...
Si, pero vai a modo porque é complexo. Agardo que a final de ano teñamos representación en Oriente Próximo e Singapur. En Rusia, máis ben para 2008. Nós non somos unha empresa grande, temos uns vinte traballadores. E cando falamos de espallarnos por outros países, queremos dicir contar cun representante comercial que poida promocionar as canles e ter especialistas que proporcionen soporte técnico. O noso modelo non esixe un crecemento de persoal moi grande.

Cal é a vosa relación coa Universidade da Coruña?
A empresa naceu dun proxecto de I+D de “R” coa Universidade da Coruña, que evolucionou até que se fundou Lambdstream. A empresa segue tendo unha relación moi estreita coa Universidade, de feito a sede está no Campus e agardo que siga alá moitos anos. Ademais, temos moitos apoios, sobre todo dende I+D. E é que se queres desenvolver moi rápido unha tecnoloxía necesitas xente, algo que nós non tiñamos. Afortunadamente o que si tivemos durante ese tempo foi o apoio institucional. Agora a tecnoloxía xa está dabondo madura e tócanos comercializala, ese é o novo reto.

Vostedes desenvolveron a televisión do Concello da Coruña. Ata que punto a televisión por internet útil pode ser útil para un concello?
A televisión é o medio de comunicación por excelencia, unha imaxe vale máis que mil palabras. Isto non quere dicir que a sexa o único medio, os cidadáns necesitan dun espectro de medios para informarse ben. A televisión por internet sería, polo tanto, un complemento. Pero hai que ter en conta que o principal medio para informarse en España xa é internet, sobre todo entre a xente menor de trinta anos a porcentaxe de crecemento é brutal. Polo tanto, ofrecer unha canle de contidos multimedia ten moita máis forza, moita máis capacidade de transmitir información aos cidadáns que outros medios.

En todo caso, a expansión da televisión por internet depende en boa medida da popularización da banda larga ...
Si claro, pero podes adaptar a calidade do contido á velocidade de conexión do usuario. Obviamente, se tes unha conexión 3G no ordenador, vas ter unha calidade baixa, pero así e todo podes velo. “Internet TV” a vantaxe que proporciona é a mobilidade. Se queres ver a televisión e non estás no teu salón, podes facelo, se tes unha conexión 3G no ordenador, algo ue cada día ten máis xente. Ademais, podes acceder a un arquivo de imaxes. “Internet TV” permíteche publicar un arquivo catalogado de vídeos. Iso dáche unha capacidade bestial, que non ten ningún outro medio.

Lambdstream presume de que sempre emprega estándares ...
Efectivamente, nós nunca pechamos os nosos sistemas nun só estándar ou nalgo propietario. Por exemplo, se montas un sistema de Internet TV con Windows estás fastidiado, porque só vai funcionar co Internet Explorer e co sistema de xestión de dereitos dixitais (DRM) de Windows. A nosa tecnoloxía é todo o contrario. Funciona en calquera soporte, en Windows Media, en Quicktime, en Real Player ... o que o cliente queira. O que buscamos é que se un cliente nos elixe que o faga porque a nosa tecnoloxía é a mellor, e non porque sexa pechada.


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: