Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUMENTA A POLÉMICA

Feijoo denuncia tramas no voto emigrante e no BNG medra o malestar

Os populares afirman que o escándalo dos cheques é a “punta do iceberg” e os nacionalistas falan de sistemas herdados.

Redacción - 20:08 03/05/2007
Evaristo Oroña, nunha imaxe de arquivo, coa conselleira de Sanidade  / Foto: espaexterior.com

Evaristo Oroña, nunha imaxe de arquivo, coa conselleira de Sanidade / Foto: espaexterior.com

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, salientou hoxe que o escándalo do reparto de cheques asistenciais é só “a punta do iceberg” dun “labor entrelazado e perfectamente organizado entre o PSOE e a Xunta”. O líder conservador asegura que ninguén cre que a directora da Fundación Galicia Emigración fose a última responsábel do sucedido.

Feijoo denunciou “a dobre moral” dos socialistas e volveu recordar as polémicas rexistradas en municipios coma os de Vila de Cruces, Caldas de Reis ou Gondomar. Ademais, lembrou que PSdeG e BNG rexeitaron no Parlamento unha proposta para que os responsábeis socialistas na diáspora non estivesen á fronte da Fundación.

Axentes electorais
Mais os últimos escándalos arredor do voto emigrante tamén están a producir moito malestar nas filas do BNG. Os nacionalistas coidan que o PSdeG se limitou a herdar un sistema de captación de votos para logo utilizalo no seu propio proveito. O enfado é especialmente evidente en concellos coma o de Vimianzo. O Bloque ten denunciado que no consistorio hai pagos ao delegado da Xunta en Arxentina, Evaristo Oroña, para “fomentar a imaxe do concello”. Os estipendios coincidirían sempre coas épocas electorais.

Dende as filas da organización frontista consideran que vai haber un voto masivo nestas municipais procedente da diáspora e que as garantías son moi escasas. O propio voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, dicía ás claras, nunha entrevista con Vieiros, que “quen ten o goberno en Madrid, ten o voto emigrante”, á vez que avogaba por abrir un debate para delimitar en que tipo de eleccións debían ter dereito a sufraxio os emigrantes.

De onde saen os cartos?
Mais unha das preguntas que se fan moitos en cada cita electoral é de onde saen os cartos para pagarlles ás ducias de axentes electorais espallados polos países da diáspora. Manuel Antelo, dirixente do BNG na Costa da Morte, sinalaba hai pouco que Evaristo Oroño dispoñía dun “exército” de recadadores de voto. A isto hai que sumar o gasto das viaxes de representantes municipais e as continuas comidas dos actos políticos. Os nacionalistas resaltan que a falta de lexislación facilita que non haxa ningún tipo de control sobre estas partidas, nin se poida saber de onde proveñen.


4,82/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: