Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén se deron en man ás portas das eleccións de 2005

Cargos da Xunta entregaron con Fraga cheques na emigración en 2002 e 2003

O secretario xeral de Emigración defendeu que coas dimisións o goberno actual, a diferenza do anterior, xa amosou a súa "integridade democrática".

R.N. - 12:58 04/05/2007

"Foi unha acción irregular, pero nunca houbo outro ánimo que o de entregar unhas axudas que son realmente moi necesarias", explicou o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez ao respecto do recente escándalo pola entrega de talóns asistenciais en Uruguai, recoñecendo o innecesario de que se entreguen en man, suprimindo así suspicacias ao respecto.

Durante a súa comparecencia no Parlamento, na comisión non permanente para estudo sobre situación dos emigrantes galegos, recordou que durante varias viaxes a centros da emigración do anterior presidente da Xunta Manuel Fraga, altos cargos da Xunta protagonizaran accións similares, citando dous casos concretos no verán de 2002 e outono de 2003. Respecto a este último caso, subliñou ademais que "quedou constancia gráfica", e amosou unha fotografía do momento en que se producían.

"Asumir responsabilidades é hixiénico e san"
Así o afirmou Manuel Luís Rodríguez en referencia á dimisión presentada pola directora da Fundación Galicia Emigración, ao tempo que defendeu a xestión de Pilar Pin na institución. Nesa liña, reprochoulle ao PPdeG que "
nin os erros nin os escándalos cometidos no pasado foron suficientes para que alguén asumira responsabilidades dende a dignidade". Ao fío, lembrou por exemplo a viaxe do conselleiro de Emigración a Venezuela en xullo de 2002 para entregarlle en persoa un cheque de 3.000 euros á nai dun galego ferido nun tiroteo. A mesma persoa atreveuse a "pasar revista a envíos de fariña, espaguetis e galletas con destino ás provincias de Arxentina", acusou ao respecto dunha das imaxes á beira destas liñas.

"Non esperaba encontralo hoxe aquí", afirmara anteriormente Xosé Manuel Castelao Bragaña, deputado do PPdeG, comentando que "o exemplo da dimisión da directora da Fundación Galicia Emigración debera ser seguido por outros". Bragaña defendeu que o seu partido presentara unha proposta para que os delegados da Fundación non fosen membros de partidos políticos e acusou a socialistas e nacionalistas de rexeitar a proposta. O deputado do PP tamén asegurara que "en ningún acto coa presencia de Manuel Fraga se entregaron nunca cheques asistenciais".

Alén do propio secretario xeral, a voceira do PSdeG na comisión, Marisol Soneira, encargouse tamén de retrucar estas palabras de Bragaña, presentando fotografías de actos onde altos cargos do PP, incluídos Fraga e o propio Bragaña, participan desas entregas. "Non me negará vostede que isto aconteceu", desafiulle a deputada socialista, indicando que esas imaxes son exemplo de "dezaseis anos de goberno do PP que entendía a emigración como simples receptores de esmolas".

Polo BNG, o deputado ourensán Iago Seara reprochoulle ao PPdeG que non fixesen nada por "mudar as regras do xogo" e convidou aos populares a rematar co turismo electoral de representantes da deputación e concellos. O deputado nacionalista criticou a excesiva identificación que se está producindo entre emigrante e condición de eleitor, "cando son moito máis que iso". Iago Seara insistiu en que para que no exterior funcionen os mesmos principios de transparencia que aquí é necesaria "unha ampliación do marco competencial". "As actuais condicións, tal e como recoñeceu o pasado luns o secretario Xeral, Manuel Luis Rodríguez, impiden intervir ao goberno da Xunta ante moitos dos episodios que están a acontecer", laiouse o nacionalista.


Ligazóns

4.5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fraga e o ex conselleiro de Sanidade Hernández Cochón en Cuba (1-11-1998)
Fraga e o ex conselleiro de Sanidade Hernández Cochón en Cuba (1-11-1998)
Aurelio Miras Portugal, ex conselleiro de Emigración, en Santiago (21-2-2002)
Aurelio Miras Portugal, ex conselleiro de Emigración, en Santiago (21-2-2002)
Fraga e Miras Portugal no Centro Galego de Bos Aires durante unha entrega de talóns (7-11-2003)
Fraga e Miras Portugal no Centro Galego de Bos Aires durante unha entrega de talóns (7-11-2003)
Aurelio Miras e Castelao Bragaña en 2002 entregando menciñas en Bos Aires
Aurelio Miras e Castelao Bragaña en 2002 entregando menciñas en Bos Aires