Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais 07

Votos galegofalantes sen candidaturas que os defendan

No Val do Río Ellas, no Eo-Navia, nas Portelas, no Bierzo... Este 27 de maio tamén hai eleccións, mais o galego non ten demasiados representantes.

Fernando Arrizado - 12:20 26/05/2007

"Nin o galego nin o galeguismo están en campaña nestas eleccións", afirma Gaspar Méndez, candidato de Esquerda Unida á alcaldía de Vilafranca do Bierzo e galegofalante habitual. Malia todo, recoñece que co 90% da xente coa que falou para pedirlle o voto usou a lingua do país.

Méndez concorre como número un de EU, logo de formar parte do Partido do Bierzo durante os últimos catro anos, un partido que, polo menos no papel, tiña un compromiso co galego e mesmo algún acordo asinado co BNG.

Mais este ano, tal e como el mesmo manifesta "chegaron os do PP e ficharon a todos os seus membros menos a min, que marchei para Esquerda Unida, aínda que xa o tiña medio decidido".

A defensa do galego e dos dereitos dos seus usuarios no Bierzo non é algo que preocupe moito aos votantes, sinala. Máis ben ao contrario: sacar ese tema durante a campaña electoral pode producir rexeitamento. "Outra cousa é o que eu podería facer se chegásemos a tocar goberno", di Méndez.

No entanto, os prognósticos non son bos, e todo indica que a loita será entre PSOE e PP, pouco amigos da nosa lingua. Como curiosidade, salientar o alcalde popular de Balboa (antes do PSOE), Xosé Manuel Gutiérrez Monteserín, que sempre xura o seu cargo en galego.

Eo-Navia

Se no Bierzo causa desinterese, o galego e os dereitos dos galegofalantes no Eo-Navia producen case que hostilidade. Carlos Varela, presidente de Abertal (herdeira da Mesa pra Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca) e académico delegado da RAG, sábeo ben. Varias foron as veces que sufriu os ataques do contorno do asturianismo.

Porén, os nacionalistas asturianos non conseguiron artellar desta volta nin unha soa candidatura en terras eonaviegas, mais si dúas rexionalistas en Tapia e en Grandes de Salime. A batalla tamén aquí será bipartidista, e tamén aquí como no Bierzo hai -contadas- excepcións.

Tal e como lle confirma Varela a Vieiros, o representante do PP pola 'Circunscrición occidental' asturiana Alfonso Rueda, natural de Tapia, comprometíase este venres en TeleOviedo a, literalmente, "protexer o galego de Asturias".

Caso aparte merece Izquierda Unida. Toda a propaganda e carteleiría electoral do partido no Eo-Navia imprimiuse en asturiano. Que lle posible, foi o seu lema. Incluso os topónimos foron deturpados e traducidos a esta fala.

Por último, cómpre salientar que en Santalla de Oscos e en Franco houbo un importante transvase de representantes socialistas a IU debido á política en enerxía eólica defendida polo goberno autonómico do PSOE, e a que tamén se opoñen os grupos ecoloxistas da rexión.

As Portelas

Outro académico delegado, neste caso nas Portelas, e candidato polo PSOE á alcaldía de Lubián, Felipe Lubián Lubián, asegura que o seu partido vai acadar un excelente resultado nas municipais. Nos seu concello e no das Pías (de listas abertas) dá por segura a vitoria. En Ermisende é máis que probábel, e no Porto, o PP ten todas as de gañar.

Os concellos do PSOE das Portelas son a excepción nos municipios galegofalantes fóra da Galiza administrativa. O impulso á lingua do país vese reflectida aquí en numerosas asociacións culturais a prol da súa normalización. Porén, as políticas autonómicas non van nese mesmo senso.

Val do Río Ellas

Tamén delegado da RAG é Domingo Frades, concretamente, delegado no Val do Río Ellas. Non é tema de campaña o galego -ou 'A Fala'- nos tres concellos estremeños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trebello, segundo confirma o académico. "Non é tema de debate nin de confrontación", afirma. Ademais, aquí as políticas autonómicas son máis proclives á defensa da lingua do val.

Actualmente, Extremadura Unida e o PP gobernan coaligados no primeiro, con catro e dous concelleiros, respectivamente, por cinco do PSOE. No segundo, no 'lagarteiro', é o PSOE o que ostenta a alcaldía, con seis concelleiros por tres do PP.

Por último, tamén os socialistas gobernan en San Martín con catro representantes, por tres da oposición, formada polos independentes AIM e polos populares. Todo indica que aquí non haberá cambios substanciais.


4.55/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: