Para favorecer a previsíbel entrada do gaseiro contra as 16h desta tarde, a policía tomou o peirao. Os mariscadores pecháronse na sede da Autoridade Portuaria, onde reteñen o presidente, Amable Dopico.
Ferrol amenceu este mércores cunha ampla dotación policial bloqueando a zona do peirao co obxectivo de impedirlles aos mariñeiros a saída á ría. Arredor das 16h agárdase que o metaneiro Mourad Didouche tente entrar cara á planta de Reganosa.
En protesta por estas medidas, un grupo de mariñeiros entrou na mañá deste mércores na sede da Autoridade Portuaria de Ferrol onde permanecen pechados e impedíndolle a saída ao presidente da entidade, Amable Dopico. Desde o Comité Cidadán de Emerxencia explican que a situación é tensa neste momento. Ao tempo, permanece preso desde o martes o presidente da Confraría de Pescadores de Ferrol, Bernardo Bastida.
Ao respecto, desde a asemblea da Plataforma Ártabra destacan a "gravidade" dos feitos acontecidos durante a xornada do martes no peirao ferrolán e cualifican de "brutal" a actuación policial, ao tempo que denuncian que participasen tamén militares na operación despregada para frear as protestas contra Reganosa.
Nese sentido, esixen responsabilidades políticas por "militarizar" un conflito que non debera saír do ámbito civil, e láianse de que "autoridades chamadas progresistas" boten man de "métodos impropios destes tempos". A Plataforma denuncia especialmente os "métodos" e os "excesos" utilizados polas forzas policias despregadas "cunha saña na carga que lembran os tempos dos vellos grises". Por último, piden a liberdade do patrón maior da confraría, Bernardo Bastida, e a dimisión do delegado do goberno, Manuel Ameijeiras, pola "falta de talante democrático".
¿¿E o Conselleiro de Industria será por causalidade da mesma forza política que logo de ostentar a alcaldía e oporse inicialmente a Reganosa dentro da ría mudou de posición e ten desde as eleccións do domingo só 2 concelleiros na cidade departamental??
¡Onde vas BNG, onde vas triste de ti!
Todo o meu apoio para o Comité de Emerxencia e para os mariscadores que "bloquean" gaseiros a pesar do conselleiro do "Bloque".
Sen deixar fóra de xogo a Amable Do Pico (PSOE), flamante e flambeado presidente da Autoridade Portuaria, e do alcalde in pectore Vicente Irisarri, que aínda non se ten manifestado acerca do apoio institucional á actividade ilegal de REGANOSA, da carga policial sobre os manifestantes e da prohibición de saír a traballar dos mariñeiros e mariscadores.
E esquecía o noxento papel de Ameijeiras, delegado do Goberno Español en Galiza, nomeado polo PSOE.
Totalmente de acordo, Calidonia. Sen esquecer a todos eses socialistas, mais a responsabilidade última está en Industria e esa é unha área do BNG na Xunta.