Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CO XERENTE DE DINAHOSTING MIGUEL LÓPEZ

"Nós tamén recibimos ataques e repelémolos todos os días"

O rexistrador galego pide á Xunta que contrate todas as súas webs a firmas do país e explica o roubo de datos de 120.000 persoas a un dos seus competidores

Manuel Vilas - 17:16 13/06/2007
Miguel López, xerente de Dinahosting

Miguel López, xerente de Dinahosting

Malia que Galiza segue a cola do uso da rede conta cunha das cinco empresas que rexistran máis dominios de internet no Estado. Trátase de Dinahosting, que nestes días ferve de traballo ante o anuncio dunha nova convocatoria. E é que Red.es vai abrir en outubro os identificadores multilingües, que permiten escribir eñes e acentos nas direccións de internet.

Mais os rexistradores non son noticia só por esta convocatoria. A empresa líder do sector español, Arsys, sufriu estes días un grave ataque informático. Segundo El País, os crackers tiveron acceso a datos persoais duns 120.000 internautas. Dende Dinahosting aseguran non estar afectados polo ataque, á marxe da lóxica inquietude dalgún cliente.

Así o explica o seu xerente Miguel López, nunha entrevista co portal do PEGSI. Na conversa, López tamén demanda a Xunta que se esforce máis en aumentar o número de internautas do país, algo que, na súa opinión, pode ser chave para lograr o Puntogal.

Ademais, o directivo pide que todas as webs e os dominios do goberno galego sexan contratadas a empresas da Comunidade.

Os rexistradores están de actualidade polo ataque informático a Arsys, no que os hackers accederon, supostamente, a datos de miles de clientes. Como afectou a Dinahosting esta noticia que causou tanto rebumbio?
Dinahosting non se veu afectada polo ataque, pero recibimos chamadas de clientes preocupados polo que leran en El País. Sobre isto, queremos dicir que parecía que había unha campaña de descrédito dos medios cara os rexistradores. Arsys non foi o culpábel do que pasou, eles e os seus clientes foron vítimas, e parece que era o revés. O segundo titular que deu El País era algo como "As empresas de hosting no punto de mira", cando en realidade todas as empresas que manexamos datos, mesmo os bancos, somos susceptíbeis de recibir un ataque. Non só os rexistradores, nos últimos tempos teñen sido atacados o Banco Santander, Google e mesmo Mastercard. E que en internet non hai nada 100% seguro, calquera servidor pode ser intervido, iso é algo que todos os que traballamos na rede sabemos. Nós mesmos recibimos ataques e repelémolos todos os días. Hai que estar preparado para iso.

E que se pode facer para aumentar a seguridade da Rede?

Primeiro perseguir aos delincuentes. Son necesarias medidas de carácter internacional, porque estes ataques case sempre usan computadores localizados en varios estados. Segundo, é moi necesario formar aos policías e aos xuíces para que poidan perseguir este tipo de delitos.

Que medidas lle gustaría a Dinahosting que a Xunta tomase para favorecer o desenvolvemento do sector TIC no país?

Sobre todo que se facilite o uso de internet por toda a sociedade. Se contactas cos comercios das principais rúas comerciais das cidades galegas, descubrirás que a metade dos establecementos non teñen correo electrónico. E é que o nivel de aproveitamento de internet en Galicia é baixo comparado co resto do Estado e Europa. Sobre as subvencións, non cremos que sexa a política máis adecuada, porque son un parche, que axuda ao desenvolvemento de empresas e proxectos concretos, pero que non repercute no conxunto do sector, na difusión de internet en toda a sociedade. Tamén sería positivo que a Xunta contratase todos os seus dominios e aloxara todas as súas webs en empresas galegas, algo que non fai agora.

Red.es comunicou aos rexistradores acreditados, como Dinahosting, as regras para a adxudicación dos novos dominios “.es” con eñes e acentos. Como vai ser o proceso?
Chegáronos as instrucións, pero só a primeira parte, faltan detalles como, por exemplo, a resolución de litixios entre dúas persoas que queren o mesmo dominio. Sabemos, por exemplo, que terán prioridade aqueles que teñan rexistrado dominios similares, por exemplo, quen teña castana.es terá preferencia sobre castaña.es. E xa temos aberta a recepción de solicitudes para reservar estes dominios, malia que non se poderán empezar a rexistrar realmente ata o dous de outubro.

Falando de litixios, por exemplo con castaña.es; se tanto quen ten agora castana.es como quen posúe castanha.es o queren, para quen será ese novo castaña.es?
Ese suposto aínda non está incluído nas instrucións de Red.es. Nos intuímos, pola experiencia que temos cos da ICANN, que terá prioridade quen teña o dominio con n. Pero aínda non está decidido.

En todo caso, prevé Dinahosting unha forte demanda destes novos identificadores?
Supomos que vai haber unha certa demanda, porque vai haber unha campaña de publicidade, pero tampouco un salto moi grande. As versións multilingües xa están dispoñíbeis nos principais dominios (.com, .net, .info, etc.) e a cantidade de rexistros é testemuñal. Outra barreira é o carácter global de internet, hai teclados en moitas partes do mundo nos que non se poden escribir estes carácteres. Ademais, algunhas versións antigas dos navegadores nos os soportan. En todo caso, o consello que lle damos aos nosos clientes é que rexistren estas versións multilingües como medida de protección complementaria.

Malia que Galicia é unha das comunidades con menos penetración de internet, Dinahosting está entre as primeiras rexistradoras do estado. Como se explica isto?
Actualmente somos unha das cinco primeiras empresas de rexistros de dominios do Estado. A isto contribúen varios factores, como que somos unha empresa que traballa na rede e que, polo tanto, a nosa actividade supera as fronteiras autonómicas e mesmo estatal, nós temos clientes en máis de 50 estados. Outro factor é a calidade do nosos soporte técnico, que damos por teléfono, email, skype, e chat , de forma gratuíta, 24 horas todos os días. Os nosos clientes teñen un alto índice de satisfacción cos nosos servizos.

De onde proveñen os seus clientes?
A maioría non son galegos, veñen do Estado, cunha importante proporción deles de Cataluña. Tamén temos un número significativo de Arxentina, México, Estados Unidos, Francia e Inglaterra.

Como avalía Dinahosting o Puntogal, a iniciativa para lograr un dominio propio para a lingua e a cultura do país?
É unha iniciativa moi positiva, que sería un recoñecemento importante da importancia da lingua e cultura galegas. En todo caso, os baixos niveis de uso de internet en Galiza pode ser unha dificultade para conseguilo, segundo nos informaron os nosos contactos na ICANN.


4,2/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: