Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ENTRE BOLOÑA E A LOU

A universidade galega en cambio

A adaptación a Europa chega ao ensino superior entre a incertidume, o caos na implementación e as dúbidas sobre a súa intencionalidade: reforma do modelo educativo ou adaptación ás necesidades do mercado neoliberal? Unha reportaxe de Belén Puñal.

TEMPOS Novos - 08:00 19/06/2007

Son tempos de incerteza para a universidade. A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, predicado polo proceso de Boloña, e a aprobación da reformulada LOU fan inminente o cambio mais, cara a onde? Ninguén semella telo moi claro. Para uns, estamos ante a introdución de modelos neoliberais na educación superior. Para outros, a homologación con Europa é unha oportunidade única. Para case que todo o mundo, a desorganización e a falta de información é o común denominador deste proceso de transición cara ao EEES no Estado. A pouco máis dun ano do inicio do curso 2008-2009, para o que se prevé a incorporación dos primeiros graos adaptados a Boloña, segue sen concretarse a estrutura definitiva que han ter os novos estudos, descoñécese o mapa final de titulacións que comporán o sistema universitario e non queda claro o financiamento que se lle destinará ao proceso.

A falta de debate sorprende nunhas aulas, as galegas, que foron hai uns anos fervedoiros nas protestas contra a LOU elaborada polo PP. A tímida reforma socialista da mesma vén de ser aprobada nesta primavera sen apenas voces que se manifestaran ao respecto. Fronte a Boloña, o estudantado permanece ignorante (tres de cada catro estudantes, segundo informes recentes, manifestan non ter coñecemento do proceso de converxencia europea) e o profesorado, na súa maioría, parece manterse á marxe e deixarse levar polos cambios que veñan dados. Mais o reto non é menor: o sistema universitario galego deberá adaptarse a un escenario futuro de maior competencia entre universidades pola captación de recursos e de "alumnado-cliente" e no que as súas titulacións terán que dar conta do seu atractivo e rendibilidade, suxeitas a baremos de acreditación como as cotas de empregabilidade ou de alumnado matriculado.

EEES: Historia oficial


París, 1998. Os ministros de Educación de Italia, Francia, Alemaña e Gran Bretaña apostan por harmonizar a nivel europeo a educación universitaria. Boloña, 1999. Responsábeis da carteira de Educación de 28 países europeos, entre eles todos os da UE, asentan os alicerces dese futuro espazo europeo de ensino superior. Créase unha unidade de medida común, o crédito ECTS, baseado xa non en horas de docencia senón en horas de traballo do alumno (arredor de corenta semanais); unha mesma estrutura, que organiza os estudos universitarios en grao (no que se transformarán as actuais licenciaturas e diplomaturas), posgrao e doutoramento, e un sistema de titulacións que poida ser facilmente comprensíbel e comparábel, a través do suplemento europeo ao título. Promóvese a mobilidade do persoal universitario mediante o artellamento dun modelo homologado a todo o espazo europeo. Fálase dunha universidade competitiva e con capacidade de atracción.

A través de sucesivas reunións de cadencia bianual coas súas respectivas declaracións (Praga en 2001, Berlín en 2003, Berger en 2005 e Londres en 2007), os países involucrados van definindo como será o EEES (o futuro Espazo Europeo de Ensino Superior), que terá que estar implantado para o 2010. Desenvólvense cuestións como a necesidade de formación ao longo da vida para facilitar a empregabilidade, a creación de sistemas homologados para garantir a calidade do ensino universitario, a adaptación ás necesidades da sociedade e da empresa, ou o paso dun ensino baseado na absorción de coñecemento a outro modelo, orientado á adquisición de habilidades e competencias, no que alumnado deberá aprender a aprender.

Os vicerreitorados das tres universidades galegas encargados da harmonización con Europa concordan en considerar Boloña como unha oportunidade. "Se se fai ben, esta reforma debe beneficiar aos estudantes porque centra todos os procesos neles, en que aprendan aquilo que necesitan aprender", afirma Máximo Plo, o vicerreitor da USC encargado deste ámbito, quen considera que a universidade se estaba a quedar desfasada fronte ás necesidades da situación económica actual do país. "Boloña é, na súa proposta, un paso adiante-desenvolve a súa homóloga da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo- "Os procesos de acreditación van redundar nunha mellora da calidade do ensino, pois van sacar á luz os puntos fortes e débiles de cada titulación, dos que poidan xurdir accións de mellora", engade.

Mais estas posturas, tamén dende os reitorados, comezan a matizarse con argumentos máis críticos. "Boloña é unha oportunidade para as universidades galegas, mais non está exenta de dificultades", explica o vicerreitor de Calidade e Harmonización Europea da UDC, Manuel Peralbo. Entre os pros, pasar dun ensino universitario moi napoleónico, baseado nas clases maxistrais, a un tipo de ensino máis personalizado e orientado á inserción laboral. Entre os perigos, segundo destaca Peralbo, que se expoña a universidade á competición con outras pola captación de recursos, e que se poña en risco o que viñan sendo valores universalmente aceptados polos universitarios españois, como a súa independencia ou a busca do saber fronte a outro tipo de consideración, economicista ou comercial. "As universidades están empezando a entender que se lles pide que funcionen cunha mentalidade máis empresarial. Que isto sexa bo ou non, está por ver", afirma.

EEES, historia non oficial

Anos 80: Na Gran Bretaña de Thatcher e nos Estados Unidos de Reagan, os modelos neoliberais, a privatización e a desregulamentación, chegan á educación. Anos 90: Na mesma orixe da OMC é introducida a educación a proposta dos Estados Unidos (Ronda Uruguay, 1995), mediante a súa inclusión no AGCS (Acordo Xeral do Comercio de Servizos), que procura a liberalización deste mercado. Instancias internacionais, como a OCDE ou o Banco Mundial, elaboran doutrina e aplican medidas efectivas en pro de incorporar os servizos ao mercado. O propio BM esixe, a cambio da concesión de créditos financeiros, a apertura do ensino superior ás empresas transnacionais. En Europa, a directiva Bolkenstein pretende impoñer a liberalización dos servizos nunha primeira versión que sería rexeitada polo Parlamento europeo.

As posturas críticas con Boloña incardinan este proceso no contexto máis amplo da liberalización do mercado da educación a nivel mundial. Os obxectivos predicados dende as instancias europeas -a harmonización, a acreditación da calidade, a excelencia, a flexibilidade das titulacións, a competencia ou a adaptación ás necesidades da empresa e do contorno empresarial- son considerados ferramentas útiles para preparar o espazo da educación superior aos intereses do mercado. "A universidade sempre reservou un importante espazo de oposición ao status quo, pero neste momento estase intentando aliñala ao mundo empresarial", afirma Xoán Carlos Pardo, profesor de Ciencias da Educación na USC e coordinador, xunto con Alfonso Tobío, de Fírgoa (http://firgoa.usc.es/drupal/index.php), unha iniciativa que pretende incentivar o debate sobre a situación actual da educación.

Como se crean esas condicións adecuadas ao mercado? En principio, mediante a elaboración de estándares e criterios homologados para as titulacións, o que permite crear un mercado amplo e harmónico no que poder actuar a nivel europeo. En segundo lugar, convertendo as actuais titulacións en graos de tres, ou no caso de España, catro anos, con contidos de carácter máis xeralista, o que fai preciso a realización do posgrao para a especialización ou para o exercicio dalgunhas saídas profesionais (como a docencia).

É precisamente o ámbito dos posgraos o bocado máis apetitoso para os intereses do mercado, pois cada vez máis o alumnado-cliente está dispostos a pagar para poder situarse logo convenientemente no mercado laboral. "A criba social e o proceso de reprodución das elites vaise dar no posgrao", afirma o profesor de Economía da USC, Gonzalo Rodríguez, baseándose nese posible escenario futuro no que, quen pague mande, ou quen pague máis poida situarse mellor. Un escenario futuríbel no que as universidades máis beneficiadas, engade este profesor, serían as emprazadas nos grandes centros económicos, onde se localizarían aquelas consideradas de excelencia investigadora.

Dende as posturas críticas con Boloña, insístese na competencia que poida darse no futuro, para a captación de alumnado e recursos, tanto entre as propias universidades públicas, como coas privadas ou outro tipo de ofertas parellas, entre elas as universidades corporativas, a distancia ou as empresas de educación superior. Unha competencia de partida inxusta, dado que, tal como indica o catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence, crear unha universidade privada no ámbito estatal é cada vez máis fácil, os requisitos son menores e o número de titulacións esixidas para a súa posta en funcionamento tamén máis reducido, polo que o habitual é que aposten por implementar só aqueles estudos que lles supoñan menos gasto e maior beneficio.

Para o catedrático de Historia Antiga da USC, José Carlos Bermejo Barrera, trala incorporación do modelo anglosaxón de ensino superior que implica Boloña, agóchase unha reconversión encuberta: "O que se quere é reducir o número de universidades, de alumnado e de profesorado, tal como xa aconteceu en USA ou en Alemaña". Un proceso de reconversión, segundo desenvolve, que consiste en implementar un ensino técnico "máis adaptado ás necesidades das empresas, o cal non quere dicir que sexa adaptado ás necesidades da sociedade, e facer a universidade subsidiaria da investigación que usan os empresarios". Para Bermejo Barrera, a universidade actual está sumida na contradición. Por unha banda, preténdese que funcione con criterios de rendibilidade empresarial. Por outra, non se atreve a ser, de xeito explícito, conseguinte con tales criterios. "Se se fai un discurso de reconversión, que me expliquen porqué en Galicia segue a haber varias facultades de química ou de dereito. Recoñécese que hai facultades sen alumnos, pero as autoridades insisten en que non van pechar nada".

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: