Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O lugar escollido multiplica os perigos

A planta de Reganosa é allea ás análises de riscos imprescindíbeis para estas factorías

Os EUA ofrecen exemplo da paralización de proxectos similares mentres se reforzan os estudos de riscos para plantas GNL. Mentres, en Galiza non se contemplan os criterios de prevención máis básicos.

Redacción - 10:47 26/06/2007

Unha colisión do buque gaseiro ou unha rotura do casco son dous exemplos de escenarios de risco posíbeis no contorno das plantas de gas. Nos últimos anos existen a nivel internacional diversos exemplos de estudos sobre as consecuencias que accidentes dese tipo terían en regasificadoras concretas.

Por exemplo, ABS Consulting estabeleceu en 2004 que nun posíbel accidente dun gaseiro e cun burato de menos dun metro cadrado, avaliando un vertido de 21 mil metros cúbicos de gas natural licuado a ameaza de inflamabilidade esténdese nun área de até 4.800 metros desde o lugar do accidente. Neste caso concreto, os expertos recomendan que a chamada "zona de exclusión térmica a pé da planta debera ser de arredor de 860 metros.

Paradoxalmente, no caso da planta ferrolá esa zona de exclusión térmica no perímetro das instalacións non existe, estando as vivendas a menos de cen metros e mesmo a vila de Mugardos a apenas medio quilómetro. Atendendo á comparativa coas análises de riscos realizadas para outras plantas en todo o mundo, desde Cidadáns Aliados polo seu Contorno, o grupo universitario vencellado ao Comité Cidadán de Emerxencia, consideran que a planta ferrolá debera construírse como mínimo a 4.500 metros da cidade "e a non menos de 600 metros das propiedades limítrofes en zonas habitadas". O mesmo criterio debera estabelecerse para a rota de aproximación dos buques gaseiros.

Novos incumprimentos para a lista
Xa que logo, segundo o Comité, a planta de Reganosa incumpriría en concreto a norma europea UNE-NE-1473. Segundo esa lexislación, o emprazamento dunha planta GNL con respecto ao contorno no que se constrúa debe atender a unha estrita avaliación de riscos. De xeito específico, as distancias de separación deben ter en conta "os niveis de radiación, os contornos de límite inferior de inflamabilidade, os efectos de explosións, os ruídos".

Por riba, a mesma norma subliña que debe haber unha Avalaciación Previa de Impacto Ambiental, para decidir sobre o emprazamento proposto e unha vez escollido un novo estudo ambiental "detallado" que confirme que se cumpre cos regulamentos. No caso da planta de Ferrol "non se realizou a avaliación de impacto aviental".


Ligazóns

4,62/5 (13 votos)

Comentarios (4)

Tino #1 26/Xuño/2007 Tino

Esta información non deveria ter saido cando se iniciou o proxecto de construción da planta?
Non comprendo a q ven agora laiarse e sacar informacións q só veñen confirmar o q xa sabemos: esta información agora convértese en inútil.

polaesquerda #2 26/Xuño/2007 polaesquerda

Para esquerdaunida-ferrol.blogspot.com, é moi importante que este tipo de informacións científicas se fagan públicas e se extendan para contrarrestar as ofensivas mediáticas do grupo VOZ, que nin sequera defende o dereito a unha información veraz, senón que está polo mercadeo comercial coa complicidade e patrocinio dos tres partidos das dereitas máis reaccionarias deste país, PP, BNG, PSOE , continuadores das políticas populistas da peste Fraga.
ENCE foi unha canfurnada da ditadura de Franco, polo que é dificil calibrar a canfurnada REGANOXA , creada nun pacto a siciliana, Fraga - Tojerio e continuada polos actuais capos políticos acomodados na Xunta...
Esquerda Unida continuará denunciando aos fariseos disfrazados na esquerda que representan o pior das dereitas.
Esquerda Unida ten claro que o medio ambiente, Axenda21 Local e a sustentabilidade da Ría de Ferrol non está en venta e por riba da Ría está A NADA.

Saúde e República.

esquio #3 26/Xuño/2007 esquio

Para polaesquerda:
cando ves que unha vaca ou boi, traballando, vai por onde non queres, é dicir estase a meter nun terreo que non debe, na comarca de Ferrol díselle:
cea tras

Chamarlle reaccionario ao BNG é cando menos esaxerar, pero roza na desinformación ou mesmo na mentira consciente.

E se o PSOE é tal como dis máis arriba, por que pactachedes tan alegremente con eles no Concello de Ferrol?

Calma, please, que estás esmagando o alcacer

carlosroca #4 26/Xuño/2007 carlosroca

O que hai que ler por levar as lentes postas.

Logo non pactou IU en Ferrol o silenzo e deixar vivir REGANOSA ao entrar no governo municipal.

E o proxecto de Asturias impulsado por, entre outros IU.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: