Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Ramón Vidal Romaní

"A Xunta permítelle todo a Cupire-Padesa porque detrás está Caixa Galicia"

O catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña analiza para Vieiros a polémica legalización da mina da Campa, en Folgoso do Courel.

Fernando Arrizado - 09:45 30/06/2007
Xosé Ramón Vidal Romaní é catedrático de Xeoloxía da UDC

Xosé Ramón Vidal Romaní é catedrático de Xeoloxía da UDC

Hai uns anos publicou un artigo na revista Cerna titulado "As consecuencias ecolóxicas da minaría en Galiza" onde alertaba dos perigos desta. Mudaron as circunstancias?
Mudaron para peor, xa que antes a minaría cinguíase á zona do Barco de Valdeorras, mais agora as louseiras xa ocupan o Courel ou o Norte de Portugal, por exemplo. Hai anos no Barco a xente vivía da agricultura, do viño...; logo chegaron as empresas de lousa e transformaron a bisbarra, e iso é o que vai pasar tamén co Courel. É evidente que agora no Barco a xente ten máis cartos -aínda que ficaron nas mans de moi poucos- mais, a que prezo?

No entanto, a minaría é un sector moi importante para o país, non si?

Cando me fan esta pregunta eu acostumo contestar poñendo un exemplo un pouco bruto: se nos dá por traficar con droga tamén se gañarían moitos cartos, mais cómpre valorar o custo real das nosas accións. O de vender canta máis lousa mellor pode dar moito diñeiro a curto prazo, mais é como queimar unha vela polos dous lados, é unha política suicida.

As asociacións ecoloxistas levan moito tempo denunciando a situación ilegal de minas como a da Campa, en Folgoso do Courel, legalizada a pasada semana polo Consello de Goberno. Como é logo que esta explotación non se pechou nunca? Por que non se fai cumprir a lei?

O capital manda máis que calquera outra cousa. Aquí pasa o mesmo que ocorreu coa mina de Villar Mir e o paso do AVE polo dique de seixo do Pico Sacro. Independentemente de que esteas ou non de acordo coa necesidade do AVE, aquí hai un señor que por beneficio propio é capaz de frear un proxecto que vai beneficiar a centos de miles de persoas, ameazando con botar a rúa aos empregados da mina se lle paran a canteira.

No caso da Campa é evidente que detrás da empresa Cupire-Padesa hai un socio capitalista ao que a Xunta todo lle permite e que é Caixa Galicia. E ningún dos socios do bipartito ten interese en se enfrontar a Caixa Galicia. Nin os de antes nin os de agora fixeron nada, coa diferenza de que agora xa non temos a Fraga para lle botar a culpa.

Ademais, Cupire-Padesa está conformada por varias empresas do sector, que forman unha especie de 'cooperativa', e que á súa vez fan subcontratas a outras empresas pequenas ou mesmo a paisanos aos que lles encargan, por exemplo, unha voadura. Isto provoca que á hora de tomar accións legais estas sexan máis difusas.

Estase a seguir unha estratexia diferente noutras zonas do Estado, tal como Asturias, respecto ás explotacións mineiras e á conservación dos espazos naturais?

En Asturias os máis importantes Parques Naturais están nos Picos de Europa, e as explotacións que hai son as minas de carbón. Aínda así, malia que o carbón non é rendíbel e está xeneralizado o uso do petróleo e das enerxías eólica e solar, os diferentes gobernos non ousan pechar as minas.

Pola incapacidade para recolocar aos mineiros?

Exactamente. O que fai falla en España e máis valentía política. En León, por exemplo, onde tamén hai minas de carbón, traballan grazas a un programa da Unión Europea. Alí escavan e van repartindo as escombreiras para non causar impacto no medio natural. Mais o carbón está primado, é dicir, págaselles máis por el do que realmente lles deberían dar no mercado.

E ese é o punto ao que estamos a chegar aquí, onde en troques de seren as empresas as que paguen os estragos causados e a recuperación das zonas, son os gobernos os que arbitran a solución de que "isto xa o arranxamos nós"; e "nós" quere dicir todos os que pagamos impostos.

E como se fai noutros países de Europa?

En Europa e noutros países do mundo escávase menos, e as explotacións están soterradas non ao aire libre como ocorre en Galiza. En xeral valóranse máis os danos ambientais.

Por exemplo, na mina da Campa, Cupire-Padesa non fai ningún tipo de estudo técnico a longo ou medio prazo. Están a piques de chegar coa canteira até o único punto de unión que existe entre Quiroga e Folgoso e non lles importa estragar a estrada. Ou mesmo desvían o río para poderen escavar, sen ter en conta que as augas tamén flúe por debaixo da terra, coa inestabilidade que iso pode provocar.

Noutro artigo seu que acaba de publicar (pódese ler na web de Adega) afirma que "Galiza deixou de ser unha provincia mineira hai moitos anos" e di que a autorización do Goberno a Cupire-Padesa supón "1.000 Prestige máis" para o país...

A cuestión é que en Galiza a única vía para exportar é a industria mineira. Para España é moi positiva xa que axuda a mellorar a súa balanza comercial e no seu momento traía divisas para o país.

Porén, para os habitantes de zonas como O Courel existen alternativas económicas coas que poderían ingresar moitos cartos e que son respectuosas co noso patrimonio ambiental e cultural. A industria turística que pode xerar o Parque Natural está por explotar, ao igual que outras como poden ser a produción e comercialización de mel, queixo, castañas ou carne.


4.89/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: