Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUE A POLÉMICA NAS OPOSICIÓNS AO ENSINO

A Xunta deixa que os tribunais xulguen as exclusións por erros de forma

Os sindicatos din que cada tribunal usa un criterio distinto e Educación abre a porta á "flexibilidade". Pode haber 1.000 eliminados por motivos como o tipo de letra.

M.V. - 11:45 04/07/2007
Os ruxe-ruxes están a crear confusión nos opositores / CIG

Os ruxe-ruxes están a crear confusión nos opositores / CIG

A Xunta responde a polémica desatada pola exclusión de centos de aspirantes a profesores das oposicións por defectos de forma nas súas programacións. Segundo informou Vieiros o luns, centos de persoas foron eliminadas por motivos como presentar textos a dobre cara ou usar un tipo de letra lixeiramente diferente ao especificado.

A Consellería de Educación aclara que son os tribunais os que teñen a última palabra, pois “teñen plena competencia na execución da convocatoria e poden flexibilizar, ou non, as condicións”. Iso si, o departamento de Sánchez Piñón insiste en que “os requisitos, tanto no número de folios como no tipo de letra” son os que figuran no DOG.

É dicir, a Xunta -sen facer un chamamento aos tribunais a que pasen por alto os defectos de forma- si abre a unha porta á flexibilización. Pero deixar a decisión final aos examinadores pode resultar aínda máis problemático para o Goberno, pois os sindicatos teñen denunciado que non hai criterio común entre os diferentes tribunais. Defectos de forma que son admitidos nun sitio, son motivo de exclusión noutro.

Recurso polas diferentes interpretacións da norma
Así o denuncia, por exemplo, a CIG:. “constátase interpretacións diferentes na aplicación dos motivos de exclusión por parte dos distintos tribunais, provocando inseguridade xurídica a todos os opositores e en particular dano irreparable ao opositores excluídos”.

Ante este rebumbio, o sindicato vai presentar un “recurso diante da Consellaría por entender que na convocatoria non se recolle como elementos de exclusión algunhas cuestións de tipo formal que aplicaron certos tribunais”.

Os afectados deben reclamar dúas veces

Ademais, a organización nacionalista aconsella aos afectados que presenten recursos tanto ante o tribunal como na propia Consellería. Este mesmo consello dáse dende o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG). Tanto o STEG como a CIG piden que, en todo caso, os defectos de forma provoquen unha valoración negativa das programacións; pero non a eliminación da oposición.

Algúns interinos poderían quedar sen traballo

E é que de resultar eliminado algún profesor interino, perdería o seu lugar nas listas de substitucións. Segundo o STEG, a cifra de afectados pode chegar ao milleiro de opositores. Pola súa banda Educación asegura non ter datos de cantas persoas foron excluídas por motivos formais.


4,86/5 (14 votos)

Comentarios (4)

escevola #1 4/Xullo/2007 escevola

Eu son un dos excluidos na oposición de secundaria de historia. Estou excluido por ter un interliñado de 1´5 e ainda que adxuntei outra programación con dobre espazo e sen modificar nin unha soa letra na reclamación parece que vou seguir excluido. Considero que isto é un atentado contra moitas persoas que levamos moito tempo preparando unha oposición para que agora se nos exclúa por ter un cadro a 1´5 de interliñado ou por ter impreso a dobre cara. Ademais isto non é igual nin en todos os tribunais nin nas distintas especialidades posto que hai tribunais que aceptaron as programacións igual, escandaloso. Ademais os tribunais nen din en moitos casos os motivos da exclusión así nin sabes porque te botan. Oxalá triunfen as impugnacións que xa se están presentando e que dimita Laura Sánchez Piñón e todo o seu equipo.

candemor #2 4/Xullo/2007 candemor

que non laven as mans como pilatos

ManoloCazolo #3 4/Xullo/2007 ManoloCazolo

Pois a min paréceme que o menos que se lle pode pedir a un futuro profesor é que saiba ler, e na convocatoria pon ben clariño texto Arial 12 a dobre espazo e por unha cara. Outro problema é o da aleatoriedade dos tribunais en detalliños e chorradas como considerar que usar dous bolígrafos é "unha marca de identificación do exame que vulnera o anonimato" ou que nun cadro ou gráfico no medio do texto(remarco que só un, non toda a programación a base de cadros a espazo simple) se empregue o espazo simple para que colla no folio e iso se considere saltarse a norma do dobre espazo.

ManoloCazolo #4 4/Xullo/2007 ManoloCazolo

E os sindicatos son os responsables (se o saberei eu que estou nun) de que aínda non saibamos a nosa puntuación no concurso, nin a nota do exame, que se cadra xa excusabamos de seguir queimando as cellas (porque non todos somos interinos, algúns temos que traballar para sacar a praza). Onde está a dignidade dos funcionarios que conseguiron a praza por mérito propio ante tanto privilexio (que é diferente de dereito)? Cando van dicir abertamente o que pensan e comentan ás agachadas?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: