Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DE ANOS DE DENUNCIAS

Anuncian accións penais contra Fenosa por contaminar terras en Cerceda

As primeiras análises confirman que as partículas que desprenden as chimineas da central térmica son tóxicas.

R.Vilar - 15:01 17/07/2007

Os veciños do lugar da Lousa, na parroquia cercedense das Encrobas, volven estar en pé de guerra. Esta mesma semana fixeron públicos unhas análises que confirmarían a perigosidade das “folerpas” que desprenden as chimineas da central térmica de Meirama. Segundo un estudo da Xunta, a substancia recollida por veciños e axentes locais de Cerceda e Ordes ten uns niveis de acidez moi superiores aos saudábeis. Juan Castro Rivas, voceiro do colectivo de afectados A outra Cerceda, adiantoulle este martes a Vieiros que van emprender accións legais contra a empresa Unión Fenosa, dona do complexo enerxético.

Os veciños mobilizáronse os días 8 e 9 de marzo logo de comprobar que unha capa de “substancia gris” voltara caer sobre as súas terras. Non era, nin moito menos, a primeira vez, pero nesta ocasión decidiron enviar o pó a un laboratorio. A conclusión é que estaba composto nun 35% por materia orgánica e o resto por cinza. O PH da mostra era estramadamente baixo o que revela unha grande acidez.

A empresa dicíalles que o pó era “bo para as terras”
Os veciños séntense enganados pola empresa. Segundo Castro Rivas, os responsábeis da térmica levan anos asegurándolles que a polémica substancia é sulfato cálcico: “Incluso nos dicían que a longo prazo aínda era bo para as nosas terras porque as fertilizaba”. Dende A outra Cerceda esixen que as administración se impliquen a fondo e que se investigue até que punto pode haber consecuencias sanitarias e ambientais.

Esta emisión de pó agrávase coa parada da central: “Cando paran a actividade solidíficase a substancia no interior das chimineas. Logo, ao arrancar, expúlsana de golpe á atmósfera”, explica Castro, que vive a escasos metros da térmica.

Un perímetro afectado máis grande
A menos de dous quilómetros da central viven aínda numerosas familias que pertencen aos termos de Cerceda, Ordes e Carral. Estes veciños subliñan que ao longo dos últimos 25 anos levan presentando preto dun cento de denuncias que de pouco serviron. Mais as queixas chegan a moito máis lonxe. Veciños de lugares alonxados da térmica teñen acusado á térmica de producir unha “cinza gris” que de cando en vez aparece nas súas hortas. Outros sinalan que dende a entrada en funcionamento do complexo non se dá a froita. Un dos exemplos máis claros é o próximo Val de Barcia, coñecido noutrora polas súas cereixas.


4,91/5 (22 votos)

Comentarios (3)

vilachan #1 17/Xullo/2007 vilachan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por suposto. Nos concellos de Oleiros e Sada, a uns vinte quilómetros ao N-NE de Meirama, ese pó non se nota en follas caducas ou de pouca duración, pero sí que se acumula claramente en follas perennes coma as dos limoeiros, acivros, laranxeiras, ou en froitas coma o limón, que pode pasar dous anos na árbore.

Por outra banda, as persoas de certa idade son plenamente conscientes das mudanzas que se produciron na produción hortofrutícola de toda a comarca das Mariñas tras o establecemento da central de Meirama, cuxas emisións afectan á zona especialmente no inverno, cos ventos dominantes do SW. No verán, cos ventos do NE supoño que tamén chegarán as emisións das Pontes e non hai quen se libre da polución.

DanielErreCe #2 17/Xullo/2007 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Como poden dicir que é sulfato cálcico e a xente acreditar tal afirmación? De onde proviría ese calcio se o que se queima é un composto orgánico de base carbónica? O elemento que produce esa acidez é o xofre que conteñen os lignitos extraídos da zona. é posíbel que esas cinzas conteñan algo de calcio proveniente dalgunhas capas de caolín presentes nese xacemeto de lignitos, pero a súa porcentaxe sería exigua se a comparamos co xofre e outros elementos acedos e, desde logo, en ningún caso neutralizaría o efecto corrosivo dos compostos sulfúricos. Pero isto xa sabe desde que se queima carbón. Se os responsábeis de Fenosa atoparon no calcio a fonte para argumentar o indefendível, deberían xulgalos por prevaricación.

sozinho #3 18/Xullo/2007 sozinho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Totalmente de acordo co Daniel. Pero hai máis, a mentira vén de confundir interesadamente o produto final coas emisións. Supoño que nas emisións se poden atopar trazas de calcio, como di, pero non o suficiente. O que aquí sucede é que a deposición seca de partículas impregnadas de ácido sulfúrico, cando entran en contacto coa auga transfórmanse en sulfato e neutralízase co pouco calcio que atopan no solo. O calcio, á súa vez, réstalle acidez ao solo, o que fai que esta se dispare, xa que agora queda inmobilizado no insoluble sulfato de calcio.
En resumo, o sulfato de calcio pode se-lo produto despois de que actuase a deposición seca (máis grave, pero moi semellante á chuvia ácida).
Como é posible que a xente acredite? Galicia é unha das últimas comunidades en lectura (penúltima se non recordo mal). Tamén é a antepenúltima en comprende-la responsabilidade das institucións. No sabía a emisora maioritaria nesa zona, pero polo que se ve debe ser antena 3 e antes a telegaita, claro.
Galicia xa non é verde, é "amarela".

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: