Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na súa xunta de accionistas, á que asistía Amarante

Inditex anuncia que velará polos dereitos dos traballadores das provedoras

A dirección da empresa asegurou que o 9,5 % da súa produción fica en Galiza

Redacción - 12:46 18/07/2007
O documental 'China Blue' fala da explotación laboral neste país

O documental 'China Blue' fala da explotación laboral neste país

Inditex celebrou a pasada terza feira a súa xunta de accionistas en Arteixo, e entre estes estaba Fernanda Couñago, subdirectora da ONG galega Amarante-Setem, que, dentro dunha súa campaña, quería controlar o cumprimento da responsabilidade social corporativa da empresa, que, segundo esta ONG, vulnera día a día os dereitos de quen confecciona a roupa.

A campaña "Roupa Limpa"
Xa é o quinto ano consecutivo que Amarante, a través da federación de ONG's Setem está presente nas Xuntas de Accionistas do grupo galego, para facer presión e denunciar as condicións laborais nas que se traballa nas fábricas que producen para Inditex fóra do país.

Porén, a xunta de accionistas da empresa galega anunciou na terza a aprobación dun novo código de conduta onde se van recoller algunha das medidas nas que insiste a campaña "Roupa Limpa", como garantir un salario digno aos traballadores living wage, isto é, un salario o suficientemente alto como para satisfacer as súas necesidades básicas.

Pola contra, dende Amarante seguen vendo necesario continuar a intervir nas políticas sociais da empresa, para saber cómo se vai facer efectivo este novo código de conduta anunciado, xa que hai avances deste que baten contra outras actuacións de Inditex e, sobre todo, coa falta de información concreta tanto na súa política de compras como nas súas auditorías.

Non se sabe aínda cómo aplica Inditex este código de conduta en países como China, onde non se respectan dereitos tan fundamentais como a liberdade sindical, que non está recoñecida por lei; ou en Camboxa, onde existe acoso, asasinatos selectivos de líderes sindicais e o salario é de 35 euros ao mes.

Inditex asegurou que España, Portugal e Marrocos seguen a ser a súa principal zona de produción
Desta zona procede, segundo dixo o vicepresidente e conselleiro delegado de Inditex, Pablo Isla, o 50% da produción do grupo galego. En Galiza elabóranse entre "40 e 50 millóns de unidades", o 9,5% dos 528,61 millóns das pezas de roupa que fabrica a multinacional, mais son o 25% das gañancias, xa que teñen un "valor engadido", segundo dixo Isla.

Inditex tamén asegurou que vai seguir producindo nesta zona, Galiza incluída, porque "forma parte esencial do noso concepto de modelo de negocio, xa que nos permite ter capacidade de reacción e de adaptación ás tendencias".

Un plan medioambiental no canto dun sólido plan social

Isla tamén presentou o novo plan estratéxico medioambiental, no que Inditex pensa investir 70 millóns de euros para reducir un 20% as súas emisións contaminantes e xerar a metade da enerxía que consume a súa produción a partir de enerxías alternativas.


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: