Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HAI TRESCENTOS EN 'PÉSIMAS CONDICIÓNS'

"Mafias da pesca galega" recorren aos indonesios para atopar tripulacións

Os asiáticos pagan para poder embarcar, como no caso do barco galego retido en Escocia, e substitúen aos latinoamericanos

Manuel Vilas - 15:00 29/08/2007
Indonesios abandonan o barco retido en Escocia / stv.tv

Indonesios abandonan o barco retido en Escocia / stv.tv

Os galegos xa non queren ir ao mar polas pésimas condicións nos pesqueiros. Hai anos que os armadores 'importan' traballadores de baixo custe dende Latinoamérica e, máis recentemente, dende Indonesia. Son estes operarios asiáticos os máis proclives a sufrir situacións de explotación laboral, como a que mantén a un pesqueiro de capital galego, o 'Enxembre', retido polas autoridades escocesas.

Ramiro Otero, de Comisións Obreiras (CC.OO.), denuncia a existencia de “auténticas mafias no sector da pesca galega”. En concreto, o sindicalista alerta sobre unha axencia de Burela que dende 2004 trae mariñeiros de Indonesia en “pésimas condicións”.

Segundo os seus datos, hai uns trescentos indonesios nos buques de altura do país. Estes operarios chegan moitas veces como 'recambio' de chilenos e peruanos, pois estes, ao falar castelán, son máis proclives a denunciar.

Retéñenlles parte do salario mínimo
Para traelos, as axencias ofrécenlles o salario mínimo, moi por debaixo do que cobra un mariñeiro galego. En moitos casos a axencia quédase cunha “parte importante” do soldo.

Outra das prácticas habituais na flota galega, segundo Comisións, é obrigar aos inmigrantes a firmar o finiquito no intre de asinar o contrato. Isto déixaos nunha “total indefensión”, pois os armadores poden despedilos cando lles pete.

Secuestro dos billetes de volta
Comisións mesmo ten atopado casos nos que os patróns reteñen os billetes de regreso dos indonesios para evitar que estes denuncien. Otero quéixase da “falta de control da administración permite que as mafias actúen con impunidade”. Mesmo hai casos de que o traballador ten que pagar para lograr un posto, como denunciou a tripulación do 'Enxembre'.

Ante casos deste tipo, CC.OO. pide á Xunta que interveña para rematar cunha “unha situación que leva moito sen control”. Otero argumenta que, como a “práctica totalidade dos pesqueiros recibe subvencións por algún concepto”, a Consellería de Pesca pode usar o seu poder para obrigar aos armadores a asinar un convenio contra a explotación laboral dos inmigrantes.

Burela traballa na súa integración
Pero non é só explotación laboral o que atopan os inmigrantes da pesca. No concello de Burela puxeron en marcha un programa para integralos na vida local, que inclúe cursos de alfabetización e asistencia social.

Dende o Municipio indican que, mentres que os peruanos si recorren á administración, é moi raro que os indonesios soliciten axuda. E é que os latinoamericanos, que nalgúns casos levan ata sete anos na Mariña, tentan traer as súas familias, mentres que os indonesios “chegan, traballan e marchan”.

O exemplo dos caboverdianos

Como exemplo dunha comunidade que si logrou establecer raíces na Mariña sinalan aos caboverdianos. Presentes na comarca dende os 70, as novas xeracións nacidas en Galiza comezan a atopar traballo noutros sectores, sobre todo na construción, indican no concello lugués.


5/5 (8 votos)


Comentarios (14)

Jatopardo #1 29/Agosto/2007 Jatopardo

A pesca de baixura galega está podre. Non hai salario fixo polo que os mariñeiros só cobran se pescan, en inverno cando os barcos non saen ao mar polos temporais os mariñeiros poden estar meses sen cobrar un can. ¿Vacacións? non existen. ¿Seguridade Social e resto de gastos? van ao monte maior, é dicir, pagan mariñeiros e patrón ao 50%.

Con isto, non é raro que os galegos non queiran traballar no mar, pero non hai problema, agora os patróns atoparon na man de obra extranxeira unha panacea para que a esclavitude persista na Galicia do século XXI. En Portosín non fan máis que traer marroquís que malviven até que se cansan e marchan, e volta a empezar, a pedir máis marroquís.

A pesca galega non fai máis que acaparar subvencións que pagamos entre todos os galegos, ¿e para qué? para que os patróns metan os cartos no peto e os mariñeiros vivan como esclavos.

ecoe #2 29/Agosto/2007 ecoe

Ben claro é que o pequeno propietario só cria capitalismo, e do pior.

Anxo #3 29/Agosto/2007 Anxo

Esto é para mexar e non botar pinga. Estes sindicatos son do que non hai, agora din que existe en Burela unha mafia dende o 2.004 e que coñecen practicas como a de facerlles asinar un finiquito, e ben que fixeron os de CC.OO. que non o denunciaron ata o de agora, o seica tamén lle poñían o cazo e facía a vista gorda.

BonKarallan #4 29/Agosto/2007 BonKarallan

Só alerta, pero non as denuncia porque os indonesios non están afiliados. Non queren nin poden pagar a cota do Sindicato.

Anxo #5 29/Agosto/2007 Anxo

Anda fíxate non sabía eu que para denunciar unha ilegalidade, so fai falla que contra quen se cometa a ilegalidade deba pertencer ao teu sindicato (pagando a devantida cuota de afiliación). Para que van a defender os dereitos dun traballador ilegal se non vai pagar as cuotas, ¡estes ilegais como son tamén!.

BonKarallan #6 29/Agosto/2007 BonKarallan

É que es un pouco inxenuo. Os sindicatos non traballan gratis para outros. Só serven aos seus afiliados.

E non sinalo a ninguén. Era un exemplo.

Anxo #7 29/Agosto/2007 Anxo

A laboura dun sindicato é a de denunciar os feitos ilegais que chegan ao seu coñecemento á autoridade competente, tanto se ten afiliados como se non, ao igual que calquera outro cidadán.

BonKarallan #8 29/Agosto/2007 BonKarallan

Carallo. Non me fagas pór serio. Que eu estou cos indonesios.

Anxo #9 29/Agosto/2007 Anxo

Xa o sei home, non estou contra ti, senón contra os sindicatos, que logo de sucederen as cousa, xa saen eles denunciando os feitos que xa sabían dende facía tempo.

o-moinante #10 29/Agosto/2007 o-moinante

Como agora todos vivemos no paraiso, na democracia, já os patrons nom som maos, som os nossos companheiros de viagem na liberdade. Dezia um velho cantor hispano: AY QUE COLOR TAN NEGRO TIENE EL ORO DEL PATRON. Os patrons som todos, agás de excepções, igoais, vivem a conta dos "curros", dos proletários diria um velho comunista, anarquista ou nom. O patrom está rico a minha conta, a sua eu vou velho... Fermoso poema de Celso Emilio.

Necio #11 30/Agosto/2007 Necio

Polo exposto nos comentarios parece que son os sindicatos os que contratan os traballadores, manda carallo, ata onde sei eu son os empresarios os ÚNICOS responsables, son eles e só eles os que incumpren a lei, son eles e só eles os que matan a traballadores case que tódolos días,son eles e só eles os que contratan de xeito ilegal e sem embargo aínda ningún pisou unha cadea... cousas da democracia....

Anxo #12 30/Agosto/2007 Anxo

Necio pois parece que non te enteraches moi ben do que se dí nos comentarios anteriores, xa sabemos que a culpa a teñen os empresarios, pero esa culpa non recae so en eles, sempre e cando saia xente dalgún sindicato, denunciando como agora, que eles xa saben de estas prácticas dende o 2.004, pois se o saben o seu deber e denuncialo, ou pensas que o van facer os propios empresarios ou os empregados que estan explotados?

Jatopardo #13 30/Agosto/2007 Jatopardo

E enriba de que os patróns non pagan un can aos traballadores, estámolos a subvencionar con fondos públicos a mans cheas. Hai uns anos por desfacer o barco vello daban 800.000 pesetas por tonelada, e despois ademais subvencionaban até o 50% do barco novo co que o barco saía gratis.

Cada dous por tres hai paros biolóxicos que pagamos entre todos os galegos. No sector do cerco xa hai varios anos que estamos a dar subvencións pola escasez da anchoa, escasez que eles mesmos provocaron. Desgravacións na Seguridade Social. Pagos de 6.000 euros ao día aos barcos que fan estudos sobre a anchoa... E podería pasar o día poñendo axudas que reciben cada dous por tres estes "patróns da escravitude".

Un día, un patrón de Euskadi dicía: "si nosotros hiciéramos los repartos de dinero que hacen los patrones gallegos comprábamos un barco nuevo cada año". Hasta en Euskadi son famosas as prácticas escravistas dos patróns galegos.

Pero non hai problema, agora que os galegos se negan a ser escravizados, os patróns atoparon na man de obra extranxeira a solución para que a escravitude siga por moito tempo. Diciame un patrón de Portosín: "eu son o único galego que queda no barco, o resto son "nejros", o que pasa e que non me duran máis que uns meses, despois marchan, por iso con un par de meses de antelación xa vou pedindo que me manden máis".

Escravos baixo pedido, a isto chegou a pesca galega.

afonsoriscos #14 30/Agosto/2007 afonsoriscos

aquí o problema é que debido á sacrosanta política neoliberal, todo está permitido para a empresa. lume coma en arxentina, ou é que pensades que todos aqueles problemas que tiñan as empresas galegas en arxentina eran por causa de seren galegos? a explotación é unha tónica habitual no mundo da pesca galega, máis temos que manter o estatus de potencia pesqueira coma sexa, aínda que os beneficios os leven catro ladróns. lume!!!!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: