Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
210 euros ao mes para alugar piso

Axudas ao alugueiro: realidade ou propaganda?

As máximas representantes de Novas Xeracións, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova, analizan para Vieiros as medidas anunciadas por Zapatero.

Fernando Arrizado - 18:32 18/09/2007

O presidente do goberno español adiantou este martes algunhas das medidas incluídas no plan estatal de fomento do alugueiro, que serán articuladas a través dunha lei.

A partir do 1 de xaneiro de 2008 haberá desgravacións fiscais para todos os cidadáns que vivan de alugueiro e gañen menos de 24.000 euros anuais netos (28.000 brutos). Ademais, os mozos de entre 22 e 30 anos, con ingresos inferiores a 22.000, recibirán 210 euros mensuais para o pago do seu alugueiro por un período máximo de 48 meses.

Vieiros quixo saber da opinión de PSdeG, BNG e PPdeG, as tres formacións políticas con representatividade no arco parlamentario, mais desta volta por voz dos seus membros máis novos, as súas organizacións xuvenís, Xuventudes Socialistas, Novas Xeracións e Galiza Nova, respectivamente, nun tema que, aínda que dirixido a toda a sociedade, lles afecta principalmente.

Loli Rodríguez, de Xuventudes Socialistas (PSdeG)

A secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, Loli Rodríguez Amoroso, considera a medida "moi positiva", que servirá para "modificar a conciencia de propiedade que existe en España e especialmente en Galiza". Ademais, "permitirá a moitas persoas acceder a unha vivenda", sobre todo "dado o baixo dos salarios galegos".

Cuestionada por se a iniciativa do goberno de Rodríguez Zapatero, de axudar con 210 euros ás persoas de entre 22 e 30 anos con ingresos inferiores aos 22.000, non se debería estender até os 35 anos -dado que na actualidade as dificultades para acceder ao mercado laboral dificultan conseguir un traballo até a trintena-, Loli Rodríguez asume esta como unha das principais eivas. Porén, afirma que "cómpre ter en conta tamén o custo económico que vai supor para o Estado".

A socialista considera, no entanto, que esta axuda directa para os mozos de entre 22 e 30 anos "compleméntase coa outra (desgravacións fiscais equivalentes as ofertadas por adquisición a calquera persoa con ingresos máximos de 24.000 euros), que non ten límite de idade".

María Seoane, de Novas Xeracións (PPdeG)
A presidenta de Novas Xeracións amósase máis escéptica. "Incrédula e con frustración", segundo as súas palabras. "Semella que estamos de saldo", afirma. "Trátase dunha operación de marketing de Zapatero e do PSOE que comezou co anuncio da suba das pensións por viuvez e continuou cos cheques por fillos", comenta.

Ademais, cuestiónase que finalmente a medida se poña en marcha, "ao igual que ocorreu con outras moitas anunciadas para a mocidade nestes tres anos e medio de Zapatero, que quedaron sen realizar". Neste senso salienta, por exemplo, "a creación dun ministerio de Xuventude, ou a promesa de facer 180.000 vivendas para a xente nova, que logo se converteron nos minipisos de 30 metros cadrados e na promoción das zapatillas Kelifinder para buscar casa".

Respecto aos límites de idade que prevé a norma para as axudas directas de 210 euros, María Seoane lembra que programas como o Plan Labora ou Hipoteca Xove, impulsados polo anterior Goberno da Xunta, "se estendían até os 35 anos".

Iria Aboi, de Galiza Nova (BNG)
A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, coincide coa popular en cualificar a iniciativa do goberno estatal como de electoralista. "Entra dentro da precampaña", sinala, e engade que "nós sempre nos posicionaremos a favor de todas as medidas que vaian no camiño de facilitar o acceso á vivenda da mocidade". "Porén, -afirma- hai que ir ao fondo do problema, poñendo máis vivenda protexida no mercado, influíndo no seu prezo para que baixe, ... políticas que a día de hoxe o Estado non está a facer".

Iria Aboi cre que a norma ten un marcado "tinte electoralista", entre outras cousas porque "se agarda ao último momento para pola en marcha". Ademais, a nacionalista critica que as políticas do goberno do Estado, "que carece de suficientes competencias", "non estean en consonancia co que fai a conselleira de Vivenda".


1/5 (1 votos)


Comentarios (7)

Gaviotero #1 18/Setembro/2007 Gaviotero

Publicidad electoral. Como la promesa electoral del PSOE de hace cuatro años según la cual iban a ampliar los cien euros mensuales de las madres trabajadoras que tuvieran un hijo a todas las madres.

Pero bueno, siempre habrá quien se las crea...

teixugo #2 18/Setembro/2007 teixugo

Ninhada de ratos!!!!!!!!!!

jujolor #3 18/Setembro/2007 jujolor

estes siguen igoal, propaganda electroral.





SEMPRE EN GALIZA

dumiense #4 18/Setembro/2007 dumiense

Se hoxe un aluguer vale 400 Euros agora subirán ata os 610 Euros.

johnnybegood #5 19/Setembro/2007 johnnybegood

é propaganda,

nós o sabemos ben,
en Galicia que gobernan o PSOE e o BNG o primeiro que fixeron ao chegar ó goberno foi cancelar a Bolsa de Vivenda en Aluguer,
unha moi boa idea para axudar ós xoves no alquiler,

e agora nos queren vender isto,......................

condedecotobade #6 19/Setembro/2007 condedecotobade

A bolsa de vivenda do PP foi unha boa iniciativa (tamén electoralista) que tivo uns efectos perversos. En primeiro lugar non se axustaba a un orzamento estrito co cal os custos disparáronse moito máis alá do previsto (facendo o programa insostíbel). En segundo lugar, o que fixo foi que subisen os prezos do aluger porque permitía o acordo previo entre propietario e alugador (gañamos os dous e xa pagará a Xunta). É unha boa idea por no mercado vivenda protexida en réxime de aluguer pero o Plan Vivenda era unha chapuza.

baltar69 #7 19/Setembro/2007 baltar69

boh, sempre con caralladas para enchelos telediarios. lánzase a nova, fala a ministra, falan dos tipos que pasaban por alí e a presentadora volve a por cara de que todo está de maravilla antes de pasar o fútbol, que é o que importa.
mentras tanto o tipo de 40 anos con fillos que gaña 15.000 euros non ten dereito a esa axuda por que pasa da edede. será que esto é o socialismo real. ou o sosialismo, como decía felipe gonzález, un sosias do primero.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: