Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Feira internacional Popkomm

Berlín aplaude a música galega

Os grupos do país, nomeadamente Deluxe, tiveron unha excepcional acollida do público.

Redacción - 18:40 21/09/2007



As actuacións das bandas do país que participan na feira internacional de música Popkomm, en Berlín, da man do IGAEM da Consellaría de Cultura, fixeron vibrar o público do festival. O mércores tocaron en directo Faltriqueira, Berrogüetto e Lamatumbá, mentres que o xoves foi a quenda de Deluxe e o venres a de Catpeople.

O pop do grupo coruñés liderado por Xoel López foi un dos máis aplaudidos na capital alemá a quinta feira, na gala central do evento onde participaron os grupos indies máis de moda do momento en todo o mundo. Deluxe converteuse na revelación da noite, xunto cos dinamarqueses Dúné.

Tanto a consellaría e o IGAEM como as empresas que participaron valoraron moi positivamente a participación en Berlin, pola difusión da marca Galician Tunes e mais pola presenza artística. Ademais, foi unha boa ocasión para estabelecer novas oportunidades de negocio.

Tamén en Berlín, a conselleira Ánxela Bugallo participou na presentación da plataforma Sounds from Spain. Os músicos expresaron o seu desexo de que se organice unha feira de produtos culturais en Galiza e reclamáronlle ao Ministerio de Cultura un acordo, dado que lles está a resultar máis doado entrar en Europa ca en España.

A segunda cita da música galega no exterior será na Womex, que se vai desenvolver en Sevilla do 24 ao 28 de outubro. Trátase da feira internacional máis importante de world music. O noso país estará representado polo grupo Marful, que actuará o 26 de outono.


4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un momento da actuación de Deluxe / Foto: Lucas Díaz
Un momento da actuación de Deluxe / Foto: Lucas Díaz
Ánxela Bugallo, na presentación de 'Sounds from Spain'
Ánxela Bugallo, na presentación de 'Sounds from Spain'
O posto de Galician Tunes en Berlín
O posto de Galician Tunes en Berlín