Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG apoiará o incremento das pensións

PSdeG e BNG acordan o impulso da reforma forestal e dun "gran pacto" pola lingua

Alén das iniciativas que xurdiran na primeira xornada do debate parlamentario, lingua e medio rural aparecen como algunha das principais novidades entre as propostas de resolución.

Redacción - 15:20 03/10/2007

A segunda xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía ten actualidade na mañá deste mércores coa presentación conxunta na Mesa do Parlamento e por parte dos grupos parlamentarios de PSdeG e BNG dun conxunto de 28 propostas de resolución.

O pacto posíbel pola lingua
Comprometer a medios de comunicación, entidades empresariais, grupos políticos, sindicatos e asociacións en favor de iniciativas que consigan un "incremento real do uso oral e escrito" do galego é obxectivo do "gran pacto pola lingua" que cren necesario socialistas e nacionalistas e así instan ao goberno a promovelo.

De xeito concreto, PSdeG e BNG tamén acordaron pedir que a Xunta promova unha "estratexia de coordinación de planificación lingüística nos distintos ámbitos territoriais de Galiza a través do Consorcio para a Planificación Lingüística". A idea é que as administracións cumpran un "papel normalizador" activo para garantir o galego como lingua habitual de relación coa administración. No mesmo sentido propoñen aprobar a Normativa de Usos Lingüísticos da Xunta.

Acelerar a reforma forestal
Outra eixo destacado do acordo de PSdeG e BNG aparece no impulso das novas políticas forestais. Nese eido propóñense dúas ideas fundamentais. En primeiro lugar o desenvolvemento das Unidades de Xestión Forestal, xa contempladas na Lei de Prevención de Incendios, e de cara a obter "mellor aproveitamento silvícola" e avanzar na valorización do monte. Do mesmo xeito, solicitan que no prazo dun ano estea lista a Lei de Montes, baseada en criterios de sustentabilidade, multifuncionalidade, participación dos sectores implicados e cooperación administrativa coas comunidades de montes en man común.

O traspaso de tráfico queda fóra das prioridades
Na chamada a intensificar o proceso de diálogo co goberno español para avanzar no proceso de transferencias, sinálanse as materias de salvamento marítimo, inspección de traballo, transferencia da titularidade de inmobles da Seguridade Social e de centros de investigación, arquivos, museos e bibliotecas.

Pola súa banda, Fernádez Leiceaga, preguntado polos xornalistas, rexeitou pronunciarse sobre un posible apoio dos socialistas á proposta do vicepresidente, Anxo Quintana, de impulsar unha proposición de lei que esixa ao Goberno central o traspaso das competencias de tráfico e seguridade vial. Queda pendente a arela das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria. Neste punto, os socialistas defenden estar de acordo na solicitude, malia que indican que debe haber un pacto previo a nivel da Xunta antes de pronunciárense no Parlamento.

A galería de proposicións complétana temas diversos. Entre outros: o financiamento de plans locais de inmigración; o Plan Estratéxico da Infancia e a Adolescencia; a posta en funcionamento da Axencia Galega de Emerxencias; o despregue de consorcios territoriais e parques contra incendios; a posta en marcha dun sistema telemático de xestión policial; a posta en marcha dun Instituto de Estudos do Territorio e da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, antes de que acabe o ano; o Proxecto de lei de fomento do transporte público colectivo; o novo mapa de áreas funcionais de Formación Profesional; a mellora do financiamento universitario; un Plan de Seguridade Mineira; axudas á industria aeronáutica; o estabelecemento dos Premios Nacionais da Cultura Galega ou a elaboración dun Plan Estratéxico de Infraestruturas Hospitalarias.


4.92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: