A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino pide amparo ao Valedor do Pobo para actualizar as listaxes de substitutos
A conselleira Sánchez Piñon, responsábel das oposicións
A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino (AGOE) alerta que candidatos que figuran como “non presentados” nas últimas oposicións están a ser chamados a traballar pola Xunta. En principio, o feito de non terese presentado a estas oposicións debería excluílos das listas, segundo a denuncia que remitiu a Asociación ao Valedor do Pobo esta semana. A AGOE reclama que “as listaxes de interinos e substitutos se refagan cada vez que haxa concurso-oposición, en función do resultado do mesmo”.
Os interinos beneficiados
Nas actuais listaxes as persoas que tiñan aprobado anteriores procesos sempre figuran diante dos que pasaron a oposición este verán, incluso dos que sacaron un dez nas últimas probas; di a AGOE.
Este grupo cualifica de “proceso amañado” ás oposicións, que foron as máis numerosas da historia. A Asocación argumenta que a Consellería de Educación deseñou o concurso a medida dos interinos.
As listaxes non se renovan
O certo é que a práctica totalidade dos interinos lograron praza, mentres que opositores que lograron un 10 quedaron fóra. Agora, moitas persoas con excelentes notas tampouco poden entrar nos postos altos das quendas de substitución, pois a Xunta non as actualiza coas notas deste verán.
A AGOE anima a que “todas aquelas persoas que teñan realizado algunha reclamación en relación co concurso-oposición deste ano para que escriban ao Valedor do Pobo”.
Agardemos un anaquiño a que se aclaren ou de ser así estariamos como sempre na veigha!
Se total xa van entrar igual a traballar, para que se ían a presentar.
Só se queixan da punta do iceberg. A esa conselleira non lle quero volver ve-la cara diante. Deulle dereito ao persoal de relixión a ser director, titor e afundiu as ciencias ao falso, dicindo que as beneficiaba por subirlle horas no primeiro ciclo. É o mellor exemplo de como cunha boa lei, a transferencia de competencias pode afundila. Dimisión!
Como non lles concedan isto é que cultivamos bananas!