Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lea nacional entre PPdeG, PSdeG e BNG

AP-53: Ourense-Dozón, 0 euros; Dozón-Compostela, 4,80

A Comisión Especial para a Rebaixa da Peaxe na AP-53 concéntrase este venres á tarde en Lalín para reclamar a supresión da peaxe na autoestrada á capital.

F.A.A. - 13:15 19/10/2007

A Comisión Especial para a Rebaixa da Peaxe na AP-53 convocou para este venres ás 20.30 horas unha concentración na Praza do Concello de Lalín, para reclamarlles ao Ministerio español de Fomento, á Xunta e á empresa concesionaria (ACEGA) a supresión da peaxe na autoestrada AP-53, no tramo Santiago de Compostela-Dozón.

A mobilización, convocada o pasado 14 de setembro, conta co respaldo do Concello de Lalín. O seu alcalde, Xosé Crespo -que preside a Comisión-, animou a todos os veciños e usuarios da autoestrada a participar, xa que "afecta non só aos habitantes de Lalín senón a todos os residentes no interior de Galiza".

O PSOE local, que apoia a supresión da peaxe, non participará na concentración. O pasado 24 de febreiro abandonou a Comisión por considerar que se estaba a usar con fins electoralistas por parte de Crespo.

Pola súa banda, o BNG de Lalín -que si forma parte da Comisión, xunto cos populares, a Federación Galega de Transporte, a Asociación de Empresarios do Deza e a Unión de Consumidores Europeos de Galicia- fixo un chamamento á asistencia da poboación, e lembrou o seu traballo a prol da da supresión da peaxe.

Postura do PPdeG a nivel nacional
A nivel nacional, o PPdeG defende a eliminación do pago "ou, no seu defecto, unha rebaixa inmediata e considerábel das actuais tarifas", tema que os populares volveron plantexar no último debate sobre o Estado da Autonomía.

Mesmo este verán propúxolle ao BNG que apoiase unha súa iniciativa para que a autoestrada AP-53 fose transferida dende o Estado, algo rexeitado polos nacionalistas.

O PPdeG lembra que estes prezos se ven agravados pola circunstancia de que a autoestrada AP-53, a diferenza doutras vías de alta capacidade do Estado, non goza de ningunha medida de bonificación.

O BNG avoga por eliminar ou reducir a peaxe
O BNG avoga por eliminar ou reducir a peaxe. No mes de maio o goberno español en resposta a unha pregunta do Bloque no Senado díxolle que "unha eventual redución da peaxe na autoestrada Santiago-Lalín podería pór en risco o equilibrio económico-financeiro da empresa concesionaria".

O senador Francisco Jorquera lembrou que "non estamos a falar dunha peaxe que sexa proporcionada, senón dunha tarifa que se viu incrementada nun 38% nos últimos tres anos, ao pasar dos 3,47 euros de decembro de 2003 aos 4,82 euros da actualidade"

Xa no seu programa electoral ás eleccións xerais de 2004, o BNG recollía "suprimir as portaxes da AP-53 Santiago-Lalín", e "o compromiso de construción dunha autovía libre de portaxe no treito Lalín-Ourense", este último inaugurado o pasado luns. A supresión desta peaxe custoulle á Xunta 280 millóns de euros.

Gratuidade do tramo Ourense-Dozón
Durante o acto de inauguración, o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, lembrou o seu compromiso por "rematar coa Galiza das dúas velocidades, apostando polo reequilibrio territorial e polo desenvolvemento das zonas do interior da Comunidade".

O alcalde lalinense retrucoulle que "non se lle pode encher a boca falando de reequilibrio territorial cando viaxar de Lalín a Santiago custa 4,80 euros". Este é o prezo que supón percorrer os 42 quilómetros que separan as dúas cidades. O tramo máis caro é o que discorre entre Silleda e Lalín, onde hai que pagar dous euros por menos 9 de quilómetros.

O PSdeG culpa aos anteriores gobernos
Touriño, respecto a este tramo, recoñeceu o pasado 4 de outubro nunhas declaracións a imposibilidade de suprimir as tarifas antes do ano 2074. Neste senso, o PSdeG critica a "absoluta falta de vergoña" da proposta do PPdeG de que a Xunta se faga cargo dunha rebaixa na peaxe da AP-53.

Segundo os deputados socialistas Abel Losada e Pablo López Vidal, "o PP pretende que os galegos paguen tres veces polas súas chapuzas: primeiro, 60 millóns de euros para unha vía que debería ter sufragado integramente o Estado; segundo, unha peaxe onde debería haber unha autovía libre; e terceiro, con esta pretensión de rebaixa".

Losada e López Vidal lembraron que "foi o PP o que se empeñou en construír unha autoestrada de peaxe, cando se debería ter feito unha autovía libre coma as que o novo goberno está construíndo entre Santiago e Lugo e entre Ourense e Lugo".


4.89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: