O bipartito aprobou unha declaración institucional e desenvolverá o próximo Consello en Muxía.
O Goberno aprobou no Consello deste xoves unha declaración institucional co gallo do inminente quinto aniversario do accidente do Prestige, que cualifica como a peor catástrofe ambiental da nosa historia e que serviu como exemplo de mobilización social e de solidariedade de cara ao mundo. Outro xesto do executivo será desenvolver o vindeiro Consello, o 15 de novembro, na vila de Muxía. Este é o texto integro aprobado polo Consello da Xunta:
Hai cinco anos o buque petroleiro sufriu un accidente fronte ás costas galegas que rematou por provocar a máis grave situación medioambiental na historia de Galicia.
Miles de toneladas de fuel verquidas ao mar ameazaron os ecosistemas litorais, a riqueza do noso océano e a vida e traballo de miles de galegos.
A reacción da cidadanía, porén, non foi a da resignación ou desesperanza, senón a da autoorganización, a loita e o traballo en común.
Galicia, convertida naqueles días en punto de atención de todo o planeta, ofreceulle ao mundo un exemplo extraordinario dunha sociedade activa e solidaria, capaz de reaccionar fronte á desgraza, de mobilizar todos os seus recursos na loita contra o chapapote e disposta a demandar con firmeza democrática, baixo o lema de “Nunca Máis”, unha actuación decidida e coordinada dos poderes públicos.
Foron innumerables as accións e as iniciativas nas que centos de miles de galegas e galegos comprometeron o seu esforzo a raíz da gran mobilización social ocasionada polo accidente do Prestige.
O Goberno galego quere hoxe expresar, unha vez máis, o seu recoñecemento e gratitude a todos os cidadáns que se implicaron dun xeito ou doutro na loita contra a marea negra e os seus efectos.
E, entre todas esas valiosas iniciativas, quere lembrar especialmente a actuación dos mariñeiros galegos, que combateron coas súas propias mans a catástrofe, reducindo drasticamente os seus efectos negativos, e a acción solidaria dos voluntarios, tanto dos galegos como dos chegados doutras partes de España, de Europa e de todo o mundo.
Dende aquela tense andado un camiño. Hoxe temos un país máis protexido, con máis medios e recursos, con sistemas operativos e de prevención que nos permitirían afrontar con maior eficacia e coordinación un feito similar. E existe a disposición política no Goberno galego a seguir traballando por autorresponsabilizarnos da defensa das nosas costas.
Pero debemos seguir recordando o sucedido para evitar que nunca máis Galicia se atope á intemperie. Por iso, o Goberno galego anima a toda a cidadanía a participar activamente nos actos que, tanto convocados por institucións como por colectivos e asociacións cidadás, van ter lugar con motivo deste quinto aniversario do accidente do Prestige.
A sociedade galega soubo converter a traxedia do Prestige nun enérxico incentivo para a recuperación da confianza en si mesma e nas potencialidades de Galicia. Esa é a esperanza no futuro, expresada a través do compromiso cidadán e da solidariedade colectiva, o que debemos rememorar estes días nos que, unha vez máis, diremos si a Galicia e nunca máis á súa marxinación e abandono.
Non estou de acordo. Peor que o Prestige é o urbanismo salvaxe que está a esnaquizar a costa galega baixo millóns de toneladas de formigón e asfalto. Peor que o Prestige é a destrución das nosas montañas con parques eólicos sen fin. Peor que o Prestige é o Plan acuícola que vai esnaquizar sen remedio millóns de metros de costa. Peor que o Prestige son todas as centrais hidroeléctricas que cortan os cauces dos ríos. O desastre do Prestige consigueuse superar, pero as urbanizacións costeiras, parques eólicos, piscifactorías e centraris hidroeléctricas non hai voluntarios que as limpen, e ahí quedarán como envenenada herdanza para as vindeiras xeracións de galegos. Vergoña debería darnos.
...teñamos máis medios para unha loita de outro PPr€$tige: hai poder para facer alonxar das rutas habituais os barcos perigosos de todo tipo?; temos barcos limpadores de fueles e petróleos?, terémolos de sustancias químicas explosivas como o Cason?
En fin.
Eu tampouco estou de acordo. A peor catástrofe ambiental é a que está por vir e quero ser catastrofista como os do "Gran Pis".
Pero como di Zapatero, a culpa non a terá o goberno, teraa o petróleo. Menos no Prestige, que non a tivo o petróleo, nin o petroleiro, a tivo o PP.