Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día contra a Violencia sobre as mulleres

Á rúa contra a violencia de xénero

Cada ano morren máis mulleres como consecuencia da violencia machista. Ante esta situación, son moitos os colectivos que organizan actos por toda Galiza para concienciar á sociedade .

Redacción - 10:00 25/11/2007

O 25 de novembro é o Día Internacional Contra a Violencia sobre as mulleres. Isto é así dende a aprobación como tal por parte das Nacións Unidas en 1993, cando se instaura este día co obxectivo de erradicar "todo acto de violencia baseado na pertenza ó sexo feminino que produza dano psíquico, sexual ou físico, coerción ou privación de liberdade, dentro da familia e do matrimonio, no traballo, e perpetrado ou lexitimado por un estado". A primeira das manifestacións en contra da violencia machista foi a organizada polo “Encontro feminista de América Latina e o Caribe”, en 1981 e responde á conmemoración da morte das irmás Mirabel, brutalmente asasinadas pola ditadura de Trujillo na República Dominicana en 1960.

Coincidindo con esta data, son moitas as organizacións que realizan actos ao longo de toda Galiza para reclamar un trato digno para todas as mulleres. Baixo o lema “Podemos acabar coa violencia machista, cada quen dende a súa responsabilidade”, a Marcha Mundial das Mulleres organiza actos en Cee, Narón, Compostela, Pontevedra, A Coruña e Vigo, nos que se entregarán brazaletes con esta mensaxe.

Mulleres a prol das mulleres
Con motivo da celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero, son moitas as mulleres galegas que se suman ás denuncias contra o maltrato machista e reclaman unha igualdade real cos homes. A tenente alcalde de Ferrol, Iolanda Díaz (EU), non só animou a a todas as mulleres do país a sumarse a estes actos “en repulsa dunha sociedade patriarcal”, senón tamén para que sexa posíbel “non ter que lamentar nin unha morte máis”. Díaz afirmou ademais que é necesaria a “colaboración conxunta de homes e mulleres neste día para tratar de cambiar a sociedade”.

Pola súa banda, a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, Loli Rodríguez, apostou pola “educación e a concienciación da sociedade” para tratar de poñer fin ás discriminacións que a muller está a sufrir tanto no eido laboral coma político ou nas tarefas domésticas, e empurrou á xente a reflexionar o porqué de que a violencia machista “non é un dos principais problemas da sociedade, a pesar de que cada ano leva máis vidas que o terrorismo”. Loli Rodríguez recordou tamén que as manifestacións en contra desta violencia “non se poden reducir tan só a dous días, senón que hai que chamar a atención e estabelecer medidas cada día”.

A discriminación das mozas galegas tamén foi unha das reivindicación da secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, con respecto á celebración desta data, e recordou que as “mulleres do noso país seguen a sufrir grandes discriminacións, sendo a mostra máis palpábel as mortes que cada día se van incrementando”. Pola súa banda, a presidenta de Novas Xeracións, María Seoane, non quixo desaproveitar a ocasión para mostrar a súa repulsa contra o maltrato facendo fincapé na importancia da “labor de educación e concienciación para cambiar as machistas raíces culturais”.

Actos programados
A Marcha Mundial das Mulleres organizou na Praza 8 de Marzo de Pontevedra unha serie de actividades programadas entre as 10:00 e as 14:00, onde se instalará unha pancarta mural na que poderán participar todas as persoas interesadas. Tamén se colocarán unha serie pegadas de cor negra no traxecto entre as prazas da Peregrina e do 8 de Marzo para simbolizar o “terror” da violencia de xénero. Ás 12 do mediodía programouse unha lectura de poemas, e ao longo da mañá tamén se instalará unha lápida-cadaleito cos nomes de todas as mulleres asasinadas dende comezos de ano por esta causa.

As marchas están programadas para as 12:00 en outras cidades galegas: en Vigo, a manifestación sairá dende Urzáiz, mentres que na Coruña partirá do Obelisco. Pola súa banda en Cee a marcha sairá da Praza do 8 de Marzo e en Narón da Praza de Galiza. Os actos comezarán media hora máis tarde en Compostela, cunha manifestación que partirá da Praza 8 de Marzo.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: