Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIOLENCIA DE XÉNERO

O SXG pide a creación dun Consello do Audiovisual que loite contra o telelixo

O comunicado da federación estatal de sindicatos de xornalistas solicita o veto a este tipo de programas, que non considera xornalísticos.

Redacción - 11:00 25/11/2007

O Sindicato de Xornalistas de Galicia, en representación da federación estatal, emitiu un comunicado en que repudia o telelixo e solicita que se cree un Consello do Audiovisual que vele pola dignidade da programación. O texto fíxose público a consecuencia da relación entre un programa televisivo e unha morte por violencia de xénero nos últimos días.

O sindicato "deplora o grao de degradación que alcanzaron algunhas cadeas de televisión privada española" que se mergullan cada vez mais "no chamado telelixo", e lembra que existen grazas a unha concesión gobernamental. Tamén critica a publicación en directo e a diario en cadeas estatais e locais de mensaxes de móbil que vulneran a norma europea sobre a emisión de pornografía en directo e de mensaxes ofensivas.

Para o SXG, este tipo de programas non se poden considerar xornalísticos "porque non o son, xa que vulneran puntos fundamentais da profesión como o pago de exclusivas, entre outros; e non son xornalistas quen traballan neles, porque non exercen unha función informativa".

A Federación de Sindicatos de Xornalistas lembra que xa recomendou aos seus compañeiros de profesión que evitasen participar neses programas e que apoia as dilixencias xudiciais abertas contra El diario de Patricia, programa en que coincidiron unha muller e o seu presunto agresor nun caso de violencia de xénero "para determinar as posíbeis responsabilidades que puidesen derivarse do comportamento imprudente e falto de toda ética" da cadea onde se emite, Antena 3.

Diante desta perspectiva, a forza sindical considera que é "cada vez máis evidente a necesidade dun
Consello do Audiovisual que vele polo respecto dos televidentes e a dignidade dos programas".


4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: