Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Plan de financiamento até 2013

Máis cartos para as universidades, pero tamén máis control do gasto

A Xunta incrementará ao 1% do PIB a inxección económica nos campus do país e ao tempo deseñará indicadores de "rendemento" cos que penalizar ou premiar as institucións.

Redacción - 09:00 29/11/2007

"Deberá asegurar a solvencia económica das universidades para abordar ese proceso, ao tempo que potenciará o financiamento estrutural e investigación e a súa organización", indicaba este mércores a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, ao respecto da reformulación do vixente Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2005-2010. O novo marco, que se estenderá até 2013, márcase o obxectivo de superar o 1% do Produto Interior Bruto no ámbito do financiamento universitario. En cifras concretas, será un salto de 400 millóns de euros até unha cantidade de máis de 600 millóns.

A conselleira referiuse tamén á necesidade de estabelecer mecanismos de financiamento asociados a obxectivos e indicadores "de referencia". Na súa opinión, deben consolidarse principios de "calidade, eficiencia e rendemento de contas inherentes a todo servizo moderno e estratéxico". Na práctica, isto implicará que as tres institucións vaian competir por rabuñar máis fondos cada unha delas da saca pública en función dos criterios que se fixen para definir a súa "competitividade". A maior "eficiencia" significará máis cartos, e o fracaso en obxectivos implicaría penalizacións. Ao respecto, non será até o ano que vén cando un grupo de traballo integrado polas propias institucións e polas consellarías de Educación e Economía se reúna para negociar cales serán os criterios aplicábeis. A meta é que antes do verán de 2008 estea definido en detalle o novo modelo.

Segundo o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o novo sistema supón unha "implicación" maior das universidades no "plan de país". "Fannos encargos e pídennos contas", sinalou en favor da reforma do financiamento universitario. "Queremos entrar en Europa", comentou sobre o mesmo tema o reitor da Universidade de Santiago, laiándose da tradicional falta de recursos nos campus para que "existindo uns retos, a estrutura docente-investigadora sexa capaz de ter éxito" e asegurando agardar que o novo plan vaia en beneficio das universidades. De igual xeito, o vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica da Universidade da Coruña, Anxo Fernández, felicitou o punto de inflexión e opinou que "as universidades teñen os deberes feitos e os recursos estaban no límite do que se podía facer".


0/5 (0 votos)

Comentarios (1)

ecoe #1 29/Novembro/2007 ecoe

En resumo, e que corrixan se está trabucado o seguinte: privatización encuberta baixo forma de financiamento privado, disfrazado de "optimización", servicio "estratéxico", "obxectivos axeitados", "eficiencia" e, como non, "competitividade". O que non acadaron aínda na €urop€a, mais tamén con P, "constitución", serve de amparo para a realización práctica dos seus obxectivos capitalistas e neoliberais.

Non podía ser de outro xeito, estando quenes están, e vindo de onde ven.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: