O buque Hebei Spirit verteu máis de 10 mil toneladas de petróleo. Desde o goberno a catástrofe foi cualificada como "a peor marea negra" na historia do país.
A praia de Kkotji, un dos contornos naturais próximos
Até unha ducia de quilómetros chegaría xa a lonxitude da mancha de petróleo que aboia nunha zona de costa a uns 90 km ao suroeste da capital de Corea do Sur, Seúl. Os equipos de emerxencia traballan na instalación de barreiras de contención toda vez que afrouxou o vento que complicaba as tarefas de urxencia. O dispositivo de emerxencia inclúe arredor de medio cento de barcos e alén do despregue dos freos ao fuel incorpora a diseminación de produtos destinados a disolver os hidrocarburos.
Así e todo, o que xa é considerado coma o maior desastre deste tipo en Corea do Sur, afectoulle xa á reserva natural próxima, nas costas de Taean, zona protexida coma parque natural nacional que tamén conta con praias turísticas. O goberno teme tamén que nos próximos días a contaminación poida estenderse até unha área onde se localizan importantes granxas mariñas.
Estímase que os tanques do Hebei Spirit conteñen arredor de 15 mil toneladas de petróleo e que cando menos as dúas terceiras partes xa se verteron ao mar. A catástrofe iniciouse cando unha barcaza de transporte bateu con este buque cisterna.
Sen os productos do mar nada teremos se seguimos sen controlar os grandes petroleiros. Ainda que teñamos toneladas de petróleo e cartos "a esgalla", nada nos valerá se deixamos que, un día e outro tamén, se vertan no mar os contaminantes. Tense que buscar un xeito de que o transporte do "ouro negro" (nunca mellor dito) sexa controlado para evitar istos accidentes.