Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Alternativa ao FMI

O Banco do Sur, "determinante" para a independencia de Latinoamérica

Logo de chegar a Bos Aires para a sinatura da súa acta fundacional, Hugo Chávez dixo que o novo organismo é parte dunha "estratexia para nos ceibar de cadeas".

Redacción - 14:10 10/12/2007

O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, afirmou este luns que o Banco do Sur será un dos "instrumentos determinantes para o proceso de independencia dos pobos de Latinoamérica".

Á súa chegada a Bos Aires, para a sinatura do acta fundacional do organismo e para a cerimonia de toma de posesión da nova presidenta arxentina, Cristina Fernández, o dirixente venezolano remarcou que a posta en marcha do Banco do Sur forma parte dunha "estratexia para nos ceibar de cadeas" e "seguir as loitas de Simón Bolívar e José Martí".

Chávez afirmou que os 7.000 millóns de dólares cos que bota a andar o Banco do Sur "non son nada", en comparación cos "miles de millóns dos países desta rexión que están en bancos do norte". "Trátase de 500 mil millóns de dólares, por dicir unha cifra, que son nosos, colocados nos bancos de Estados Unidos, nos de Europa", remarcou.

Alternativa ao FMI
Ante a pregunta de se o Banco de Sur se crea para contrarrestar ao Fondo Monetario Internacional (FMI), o dirixente venezolano afirmou que esta entidade financeira era "parte da maldición que caeu sobre Latinoamérica".

"Vostedes viviron aquí (na Arxentina) aquela era, nós vivímola alá (en Venezuela); o FMI e as súas políticas de choque non só nos encheron de fame, de miseria, de pobreza, senón tamén de violencia", afirmou Chávez.

"Comezamos o camiño da nosa independencia e da nosa verdadeira unidade; é o comezo dunha nova era, a que estamos vivindo, por iso a chegada da presidenta Cristina Fernández de Kirchner é parte dese camiño", sentenciou.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: