Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FIGURA CLAVE NA POLÍTICA DO PAÍS

Falece en Compostela o ex conselleiro Xosé Cuíña

O que fora número dous do PPdeG e representante da súa liña máis galeguista finou na mañá deste venres no Hospital Clínico.

      Redacción - 11:39 28/12/2007

      Xosé Cuíña Crespo (Lalín,1950) faleceu este venres pouco despois das 10.00 horas da mañá no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O político dezao levaba ingresado na Unidade de Coidados Intesivos do centro sanitario dende o pasado 14 de decembro, por mor dunha neumonía por lexionela. O seu xa grave estado de saúde emperou aínda máis este xoves até desembocar no pasamento.

      O político lalinense foi unha das figuras máis relevantes da política institucional galega das últimas dúas decadas. A súa andaina política comezou en 1979 cando foi elixido alcalde de Lalín, cargo que ocuparía até 1990. Entre 1987 e 1990 ocupou o posto de presidente da Deputación de Pontevedra. En 1990 o presidente da Xunta, Manuel Fraga, escolleuno para facerse cargo da consellaría de Política Territorial e Obras Públicas. Nese momento converteuse no home clave do PPdeG ao ocupar a secretaría xeral da formación.

      Aínda que todo apuntaba a que ía suceder a Manuel Fraga como número un do PPdeG, tivo que dimitir en xaneiro de 2003 logo da crise do Prestige despois de que se filtrase que empresas da súa familia venderan 8.500 traxes e 3 mil pás para os labores de limpeza do fuel. Meses despois sóubose que o ex conselleiro non obtivera ningún tipo de beneficio económico e no seu círculo espallouse a idea de que a dimisión foi forzada dende sectores internos enfrontados abertamente a el e próximos ás teses de Xénova.

      A cara máis autonomista do PPdeG
      Cuíña encarnou a cara máis autonomista do PPdeG agrupada arredor do que se deu en chamar o “sector da boina”, que gozaba dun forte apoio nas comarcas rurais. O enfrontamento co “sector do birrete” liderado por Romay Beccaria, Mariano Rajoy e máis recentemente por Alberto Núñez Feijoo foi unha costante. A chegada de José María Aznar ao goberno español en 1996, cando apostou claramente por Rajoy, foi debilitando pouco a pouco a posición de Cuíña, que apostaba por unha liña propia para o PP galego. As súas teses de reforzamento da mensaxe galeguista e dunha maior marxe de manobra respecto a Madrid era algo que non se perdoaba dende Xénova.

      A finais de 2005 anunciou a súa batalla para presidir o partido e intentar frear o ascenso de Núñez Feijoo ao liderado do PPdeG. A falta de apoios fixo que desistira finalmente e que a súa vida política se limitase ao escano no Parlamento de Galiza. Porén, os sectores máis críticos coa actual dirección e coa estratexia do PP español vían nel unha baza aínda posíbel para a política galega.

      Será soterrado na súa parroquia natal
      Xosé Cuíña será soterrado o vindeiro domingo en Prado (Lalín). O Concello de Lalín xa prepara actos fúnebres públicos na súa memoria e ten convocado un pleno extraordinario para facer unha declaración institucional de pésame.


      3.51/5 (39 votos)